Zona Franca de Vigo representa a España en Congreso Mundial de China

Se celebra na cidade de Haikou (Hainan) o XI Congreso Mundial das Zonas Francas

Aldea Global | “Temos que saír da nosa zona de confort para buscar alianzas, propiciar sinerxias e, en definitiva, seguir captando proxectos estratéxicos para atraer investimento a Galicia”. Desta forma, o delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, explicou os obxectivos da presenza do Consorcio vigués na illa de Hainan, China, onde esta fin de semana, na cidade de Haikou, celébrase o XI Congreso Mundial das Zonas Francas, este ano marcado pola revolución tecnolóxica, o cambio nas estruturas económicas globais, enfocado á prosperidade global, o comercio e a innovación sostible e no que a Zona Franca de Vigo xunto á de Barcelona está a representar a España.

David Regades, sinalou que “participar nun cume como esta é unha obrigación non só para seguir xerando proxectos como os que ten en marcha a Zona Franca de Vigo, senón para poñer en valor #ante o mundo o noso ecosistema industrial e tecnolóxico e a prestación de servizos que desde o Consorcio ofrecemos ao tecido empresarial”. O delegado referiuse ao debate da sustentabilidade que este ano é un dos eixos do Congreso. “Para Europa é moi importante a responsabilidade co medio ambiente, neste tema estamos por diante de Estados Unidos e Asia e o feito que Asia, que fora bastante laxa coa normativa, estea a tomar medidas é positivo porque iguala as normas e iso redunda nunha maior competitividade”.

En canto á innovación e as novas tecnoloxías das que tamén se está falando no Congreso, Regades insistiu en que “todos somos conscientes que a IA en dez anos provocará unha transformación do mercado laboral e das formas de competir nos modelos industriais. Seguramente se poderá falar dunha nova revolución industrial, un cambio que vai ser moi grande e aí temos que estar”, dixo. “Ou competimos no mundo tecnolóxico e da innovación ou non competimos e na Zona Franca estamos listos.

Cos nosos proxectos de cuántica, a planta de chips fotónicos ou o novo Centro do Aeroespacial e Defensa de INDRA estamos a dar pasos cara a esa nova forma de entender a economía e a industria”.

A delegación viguesa tamén está a aproveitar a súa presenza en China para manter encontros con diferentes empresas, da man das Cámaras de Comercio de España en China, e visitar parques industriais. Foi o caso de Aircraft Company, empresa de mantemento, reparación e revisión de motores de avión, situada na Zona Franca de Haikou, que China planea converter na maior zona comercial libre de impostos do mundo.

Esta compañía pretende seguir desenvolvendo novas capacidades técnicas para optimizar os procesos, aumentar a calidade do servizo e a capacidade de produción “Estamos a falar dunha factoría moi importante que supuxo un investimento de 1.600 millóns de dólares e que nun ano de funcionamento xa está considerada como un exemplo en innovación”, apuntou David Regades, que coñeceu da man da dirección chinesa da fábrica, os novos mecanismos para os test de control e túnel do vento.

A visita enmárcase no importante polo aeronáutico e aeroespacial de Zona Franca Vigo con empresas instaladas moi potentes como Delta, UARX ou Alén Space. “Queremos ver como traballan, a tecnoloxía que aplican e tender pontes para posibles alianzas. A nosa relación con Asia é clave e queremos intensificar as sinerxias porque son un socio importante pero tamén un potencial cliente”, sinalou o delegado, que destacou a relación bilateral con China “onde actualmente xa nin se necesita visado para entrar. As cousas cambiaron e iso é bo para o noso tecido empresarial e laboral”.

O equipo de Zona Franca Vigo tamén ten previstas visitas a outras empresas da zona e encontros con delegacións doutros países. Ademais, este domingo, como membro da Comisión Internacional, o delegado do Estado, David Regades, participará na Asemblea Xeral do World FZO.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.