Zona Franca de Vigo, premio á Innovación na Xestión Pública polos seus Indicadores Ardán

Outorgado polo Ministerio de Facenda e Función Pública

Vigo | O Consorcio da Zona Franca de Vigo obtivo o accésit do Premio á Innovación na Xestión Pública XIV edición, que outorga o Ministerio de Facenda e Fundación Pública, pola súa identificación e divulgación das boas prácticas empresariais en Galicia a través dos Indicadores Ardán.

O director xeral de Gobernanza Pública, Olivié Bayón Céspedes, comunicoullo ao delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, explicando que nos próximos días publicarase a Orde na que a Ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, a proposta do xurado, decidiu conceder o premio á candidatura viguesa. David Regades trasladou a súa felicitación “ao equipo de Ardán e a todo o persoal do Consorcio, porque é un mérito de todo o equipo”.

Subliñou ademais que “este premio vén ratificar algo que puidemos comprobar en persoa nos últimos meses, coas visitas ás empresas: os indicadores son un valor para as compañías e reforzan a alta consideración que a sociedade ten de Ardán e os seus informes e estudos”.

O Premio á Innovación na Xestión Pública está destinado a recoñecer as prácticas innovadoras en produtos ou servizos e tamén con iniciativas que xeren unha mellora organizativa ou dos procesos de xestión.

A candidatura presentada pola Zona Franca de Vigo, que obtivo o galardón, xira ao redor do novo modelo, implementado a partir do ano 2015, para identificar e difundir a excelencia empresarial en Galicia en Innovación, Economía Circular, Igualdade de Xénero e Xestión do Talento.

“A candidatura presentada pola Zona Franca de Vigo, que obtivo o galardón, xira ao redor do novo modelo, implementado a partir do ano 2015, para identificar e difundir a excelencia empresarial en Galicia”

Ata o ano 2015, a medición do desempeño materializábase en 6 Indicadores Ardán outorgados a aquelas empresas que cumpren os criterios establecidos en diversos parámetros avaliados: Gacela, Alto Rendemento, Alta Produtividade, Xeradora de Riqueza, Ben Xestionada, e Empresa Global.

Todos eles baseábanse en medicións de parámetros económico‐financeiros. O novo modelo, desde 2015, analiza, mide e compara os procesos nas organizacións para relacionalos cos resultados e conta coas propias compañías como fonte de información a través de enquisas.

O obxectivo é identificar a excelencia empresarial e elaborar información con maior valor engadido. Zona Franca non ten constancia de que exista en España un servizo similar e unha práctica con este enfoque.

O Indicador de Innovación foi o primeiro factor analizado con esta nova filosofía e froito do éxito creouse a Cátedra Ardán, coa Universidade de Vigo, que proporciona un marco estable de colaboración e transferencia de coñecemento coa achega de metodoloxías e diagnósticos.

Así nacen os indicadores de Igualdade de Xénero, Economía Circular e Xestión do Talento nas empresas.

Cada empresa con puntuación superior ao limiar establecido pola metodoloxía recibe un certificado emitido por CZFV. Neste indicador colaborouse  estreitamente coa Axencia Galega de Innovación (GAIN). Actualmente a plataforma de autodiagnóstico ( InnoBench) é utilizada nas convocatorias de axudas públicas á innovación INNOVAPEME.

A complexidade reside na construción dos índices sintéticos robustos para o que é necesario seleccionar as dimensións para medir, os indicadores e as ponderacións.

Tamén no deseño do cuestionario para as empresas co que obter información a través de internet, cuxa aplicación é propia e permite un elevado grao de autonomía e eficiencia.

Así como o programa de administración de enquisas e os informes de Benchmarking para obter referencias sobre o desempeño e as plataformas abertas para autodiagnóstico, servizos elaborados na súa totalidade por persoal do CZFV.

Das 35.000 empresas analizadas só o 5% conseguen obter un ou máis indicadores, o que demostra que se trata dun selo de calidade moi esixente e valorado en todo o ámbito económico, polo rigor científico co que se outorgan.

“Das 35.000 empresas analizadas só o 5% conseguen obter un ou máis indicadores, o que demostra que se trata dun selo de calidade moi esixente”

Ardán é o servizo de información empresarial do Consorcio da Zona Franca de Vigo para contribuír á mellora competitiva do tecido empresarial de Galicia. Conta cunha base de datos de máis de 150.000 empresas e Know‐ how propio para elaborar estudos sobre o tecido empresarial de Galicia.