Zona Franca de Vigo busca alianzas con Perú

Recibiu a delegación empresarial da rexión de Tacna

Vigo | Zona Franca de Vigo recibiu a unha delegación da rexión peruana de Tacna integrada por representantes empresariais de produtos pesqueiros e agrícolas, de turismo, así como directivos da Zona Franca de Tacna, Cámara de Comercio e a Universidade Privada de Tacna, que se reuniron co delegado David Regades.

O delegado do Estado, David Regades, puxo en valor que “con este primeiro encontro entre a Zona Franca de Vigo e a Zona Franca de Tacna queremos establecer e fortalecer no futuro aínda máis eses lazos, que foron tan frutíferos, de forma que as empresas da área de Vigo poidan atopar aliados en Perú”.

Pola súa banda, Luciana Biondi, presidenta do directorio do Módulo de Servizos de Tacna, sinalou que “en Tacna somos zona franca e viñemos a coñecer as experiencias e recoller todas as actividades e todo o desenvolvemento que ten Vigo para poder levala á nosa cidade e a nosa rexión e poder desenvolver e emprender novos lazos para desenvolvernos xuntos”.

A visita estivo organizada por ProInnóvate, do Ministerio da Produción de Perú, co apoio de Zona Franca de Vigo, e a delegación visitou tamén unha empresa pesqueira de referencia na área de Vigo, como é Fandicosta, onde os recibiu o seu presidente, Anxo Martínez.

O obxectivo é realizar un estudo para coñecer experiencias de valor en áreas especializadas e a forma na que se desenvolve o I+D+i no emprendemento e o comercio exterior dentro de España.

A delegación estaba integrada pola Asociación de Produtores de Ourego Muralla; a Asociación Proolivo, que representa a este sector de empresas procesadoras de oliva, aceite de oliva e derivados; o Instituto Nacional de Innovación Agraria, adscrito ao Ministerio de Desenvolvemento Agrario e Rega; a Cámara de Comercio de Tacna, a primeira que se fundou en Perú.

Tamen estiveron presentes a Asociación de Exportadores e Produtores Pesqueiros; a empresa Propesur, centrada no sector industrial pesqueiro; Agora Tacna, centrada no turismo; a Zona Franca de Tacna; a Universidade Privada de Tacna; a Escola de Negocios Neumann e Der Tacna, un proxecto de Tacna Innova con varios membros do equipo técnico.

Tacna é unha rexión fronteiriza con Chile e con Bolivia, con gran demanda de produtos e servizos.