
Vigo | A Zona de Innovación da décima edición de Navalia, promovida pola Zona Franca de Vigo, dispoñerá no IFEVI do 19 ao 21 de maio dun maior número de empresas, startups e profesionais que presentarán alí as súas ideas máis innovadoras para o naval e a industria marítima.
Un total de 24 proxectos xa confirmaron a súa participación, o que supón un 50% máis que en 2.024 cando se celebrou por primeira vez en Navalia, tamén da man do Consorcio. Así o anunciou o delegado do Estado do CZFV, David Regades, na presentación deste evento na sede de Areal, na que estivo acompañado do alcalde de Vigo, Abel Caballero; do presidente e do director de Navalia, José García Costas e Javier Arnau; da delegada territorial de AINE (Asociación e Colexio de Enxeñería Naval e Oceánica de España), Beatriz Spuch; e da responsable de Promoción Económica de Zona Franca, Rosa Eguizábal.
Regades tamén confirmou que a Zona de Innovación gañará o dobre de superficie. O espazo ocupará case 400 metros cadrados que ademais serán gratuítos para as persoas emprendedoras. O delegado agradeceu o proceso para a captación de empresas que realizou AINE, que xestionará a Zona de Innovación, e á propia Navalia, primeira feira do sector en España e unha das tres primeiras do Sur de Europa. Regades destacou que “o noso obxectivo con este espazo é fomentar a colaboración para a innovación técnica e científica e para o éxito de empresas e emprendedores que supoñan avances na tecnoloxía do sector naval e marítimo, así como que os proxectos poidan captar a investidores”.




