XXVIII Feira da Rosca e da mel en Sober o día 12 de agosto

VII Túnel do Viño de Amandi o día anterior na Praza do Concello

Sober | O Concello de Sober da a coñecer a programación da XXVIII Feira da Rosca, Mel e outros Produtos da Ribeira Sacra e o VII Túnel do Viño de Amandi, que se van celebrar o luns 11 e o martes 12 de agosto.

O martes día 12 os stands abrirán ás 10:00 horas para ofrecer os produtos típicos desta celebración, entre eles a rosca e a mel. Ás 11:00 horas haberá unha demostración de talla con motoserra a cargo de Eugenio Linares. De 11:00 a 13:00 horas desenvolveranse o obradoiro de feltro para todos os públicos de Ovella Viva. Á mesma hora dará comezo un obradoiro de cestería en vivo a cargo do Centrad da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Ás 12:00 horas actuará o grupo de música tradicional Os Valouros no marco do programa Tradigalu da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. E ás 13:00 horas as persoas que o desexen poderán participar na degustación gratuíta de 2.000 racións de rosca con queixo por cortesía do Concello de Sober, e coa colaboración de Queserías Prado.

Túnel do Viño de Amandi
O VII Túnel do Viño de Amandi abrirá as súas portas o luns ás 19:00 horas. Á mesma hora haberá unha actuación do grupo Nectarine Soul.

No evento, organizado por Vinosacra, participan 25 adegas e 50 referencias de viños da subzona de Amandi e Sober que se poden degustar nunha carpa instalada na Praza do Concello. Colabora ademais a empresa cárnica lucense Torre de Núñez. O Túnel no que degustar os viños de Amandi estará aberto ata as 23:00 horas. O martes abrirá en horario de 11:00 a 15:00 horas.

Novidade dunha experiencia gastronómica
Como novidade, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) vai ofrecer en Sober, ao longo do día 12 de agosto na Praza do Concello, unha experiencia gastronómica gratuíta con produtos galegos 100%.

En concreto, o cociñeiro José Manuel Mallón vai preparar cincocentas tapas de tres variedades diferentes compostas por empanada de pemento do Couto con San Simón da Costa, Tosta de pan galego con tenreira galega e mostaza de grelos e, como sobremesa, crema de tarta de queixo Irmáns de Leite, mel de Galicia e Granola AI.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.