Xunta de Galicia valoriza a gastronomía galega

Durante un relatorio no Círculo de Empresarios de Vigo

Vigo | O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participou no Ciclo de Jornadas 01 Galicia con valor añadido sobre gastronomía, centrándose na restauración, bodegas e turismo, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia.

Os directores interviñeron no relatorio Conversación estratégica 01: Una cadena de valor que comienza en el campo o en el mar. Pola súa parte, José Luis Cabarcos puxo de relevo a importancia da gastronomía galega, amparada en moitos casos pos selos de calidade diferenciada, e que supón un dos piares da economía da comunidade, apoiado por parte da Xunta de Galicia a través de instrumentos como a Lei de recuperación da terra agraria e a futura Lei da calidade alimentaria.

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica salientou os beneficios para a saúde que teñen os produtos do mar e a importancia de promover o seu consumo entre o conxunto da poboación con campañas como a impulsada pola Xunta Galicia sabe AMar. Este tipo de iniciativas, incidiu, contribúen a poñer en valor os peixes e mariscos galegos, a impulsar a súa demanda, elevar os seus prezos e mellorar os ingresos dos profesionais do mar, o que beneficia ao conxunto da economía.

Este ciclo de relatorios, celebrado no Círculo de Empresarios de Vigo, enmárcase dentro do programa “Capacita Directivos 2023” e nesta xornada puxo o foco sobre o proceso de transformación polo que pasa a materia prima antes de converterse en produto. O obxectivo final é analizar como Galicia foi creando cadeas de valor, dende sectores primarios ata chegar a ofrecer servizos de alta calidade que constitúen un reclamo por si mesmos. Neste caso, céntranse na gastronomía galega, que conta cun prestixio recoñecido incluso máis alá das nosas fronteiras.

Dinamización das vendas no Náutico
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou diferentes establecementos comerciais participantes na campaña A volta ao cole, organizada pola asociación comercial Zona Náutica de Vigo co apoio da Xunta de Galicia. A iniciativa, que se celebra ata o domingo, premiará aos clientes que máis compren nos negocios asociados con 10 tarxetas regalo de 150 euros.

As asociacións de comerciantes xogan un importante papel na competitividade do sector e por iso a Xunta de Galicia vén de conceder axudas por 2,2 millóns de euros cos que se apoia o labor de 52 centros comerciais abertos e sete federacións e asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal.

Nas convocatorias que veñen de resolverse os centros comerciais abertos contan con apoios para o mantemento de portais de marketplace e iniciativas de dinamización comercial e de fidelización da clientela, ademais do mantemento da unidade xerencial. Zona Náutico conta cunha axuda de máis de 50.000 euros.

Por outra banda, o programa destinado ás asociacións de ámbito superior ao municipal e federacións achega financiamento para campañas e eventos de promoción e dinamización comercial.

Loita contra o cambio climático
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, acordaron seguir a desenvolver vías de colaboración para avanzar na loita contra o cambio climático.

Nunha reunión que mantiveron esta tarde, coincidiron na necesidade de aproveitar as sinerxías comúns para impulsar proxectos conxuntos no contexto da defensa do medio ambiente e a sostibilidade. De feito, tal e como salientou a vicepresidenta segunda, a Autoridade Portuaria forma parte desde setembro de 2022 da Alianza Galega polo Clima, unha iniciativa promovida pola Xunta que segue reunindo esforzos que permitan situar a Galicia á cabeza das rexións europeas na loita contra o quecemento global.

A maiores, Ángeles Vázquez puxo en valor o compromiso da entidade neste eido coa implementación de medidas como o cálculo da Pegada de Carbono ou o desenvolvemento dunha ferramenta propia capaz de medir tanto as emisións propias como as xeradas pola actividade dos usuarios e concesionarios do porto de Vigo.

Nesa liña, a conselleira valorou positivamente o anuncio que lle trasladou o presidente da Autoridade Portuaria sobre a creación dunha oficina de cambio climático que dea asesoramento ás empresas en materia de descarbonización co obxectivo de seguir traballando no proxecto de Porto Verde cero emisións.

Durante o encontro tamén abordaron cuestións como a aposta polos novos combustibles, as enerxías renovables e a captación de CO2 da man do proxecto Peiraos do solpor.

Plisan
Ademais, Ángeles Vázquez e Carlos Botana analizaron a situación actual da Plataforma loxístico industrial Salvaterra – As Neves (Plisan), que, en concreto, a evolución das obras do apartadoiro ferroviario, que ten como obxectivo que todas as empresas emprazadas nesta área industrial poidan utilizar o tren para o subministro de materias primas, compoñentes e a distribución posterior dos produtos, xa que permitirá operar trens lanzadeira co porto de Vigo.

Este apartadoiro, que disporá dunha lonxitude de vías de 750 metros, enmárcase no proxecto de dotar á Plisan dun Centro intermodal de transportes, que permita conectar a que está chamada a ser a gran zona de actividades loxísticas da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal coa liña ferroviaria que transcorre pegada á mesma.

Cómpre lembrar que a Plisan ten como promotores a Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio Zona Franca, que cofinanciarán o proxecto en base á súa porcentaxe de participación nesta área industrial. En total, o investimento estimado para levar a cabo esta infraestrutura é de 31 millóns de euros.

Proxecto pioneiro de patrimonio maritimo
A Consellería do Mar presentou hoxe ao Consello da Xunta o Plan da Cultura Marítima de Galicia. Horizonte 2030, un documento único e pioneiro tanto a nivel nacional como internacional no que ten que ver co patrimonio marítimo e coas posibilidades de protexelo e conservalo para que chegue ás vindeiras xeracións. Este documento -froito dun intenso traballo e de consultas a persoas e entidades de todo o litoral- fai unha profunda análise da diversidade de bens inmobles, mobles e patrimonio inmaterial existente na comunidade e recolle 100 medidas a aplicar antes do ano 2030 que contribuirían a avanzar no seu coñecemento, preservalo e poñelo en valor tanto en Galicia como no exterior.

Este traballo, realizado ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Consellería do Mar, a Universidade da Coruña (UDC) e a súa fundación (FUAC), pretende converterse nunha guía e nun punto de partida para que o conxunto da comunidade -as distintas institucións e entidades- actúe de xeito coordinado para protexer o seu pasado e presente mariñeiro e evitar que quede no esquecemento.

O plan é de suma importancia tendo en conta que Galicia conta con máis de 1.600 quilómetros de costa, tres provincias con mar e máis da metade da poboación (preto do 55%) vive no litoral. Esta situación fixo que as actividades vencelladas co mar definisen un gran número de oficios e o propio modo de vida da xente, dando lugar a unha cultura característica e de gran valor. Por iso, o plan pretende converterse nun instrumento capaz de favorecer a xestión integral deses vestixios e dalos a coñecer fóra da comunidade.

O documento, elaborado por un equipo liderado polo profesor Óscar Fuertes, fai unha radiografía da demografía litoral de Galicia e da súa cadea mar-industria destacando os arredor de 40.000 empregos directos que dependen dela así como os múltiples oficios, tanto no pasado como agora, vencellados co mar. Aos mariñeiros, mariscadores, percebeiros, acuicultores ou bateeiros engádense os operarios da conserva, afumadores, baleeiros, salgadores, muiñeiros, carpinteiros de ribeira, torneiros, redeiras, fareiros ou barqueiros, entre outros moitos.

O Plan da Cultura Marítima de Galicia tamén fai un repaso pola variedade de bens inmobles, bens mobles e patrimonio inmaterial cos que conta a comunidade. Entre as construcións están estaleiros e carpinterías de ribeira, fábricas de conserva e salgadura, casetas de pescadores e lavadoiros de redes, vivendas mariñeiras, peiraos, embarcadoiros, faros, lonxas, cemiterios, ermidas ou santuarios e restos arqueolóxicos, entre outros moitos.

Nos bens mobles están as artes de pesca, as ferramentas empregadas polos distintos profesionais do mar, útiles de cestaría, vestimenta e calzado, partes de barcos afundidos e embarcacións tradicionais. No patrimonio inmaterial inclúense cuestións como as festas -populares, gastronómicas e relixiosas-, a tradición oral e o folclore a través de adiviñas, cancións, contos, lendas, refráns ou léxico marítimo, a cociña mariñeira, as mostras de arte, a iconografía mariñeira, os museos ou os propios oficios do mar.

O documento encargado pola Xunta tamén fai unha análise das fortalezas, oportunidades, debilidades e ameazas para o patrimonio marítimo de Galicia e destaca, entre outras, cuestións positivas como a existencia de abundante patrimonio somerxido, de artes de pesca tradicionais sustentables, dun gran número de museos do mar e de moitos oficios tradicionais que aínda persisten. Estes aspectos, engade, poden supoñer grandes oportunidades se se afonda na aposta por eles.

Obxectivos estratéxicos
Unha vez feita esa profunda análise, o plan establece catro grandes obxectivos estratéxicos con 100 proxectos ou accións para levar a cabo ata 2030 cos que preservar e activar a cultura marítima galega. O primeiro deles céntrase en conservala e promovela en diversos ámbitos e como eixe de cohesións social apostando por 39 medidas como un estudo das rías, ríos e paisaxes marítimas, a elaboración dun atlas virtual do patrimonio marítimo galego ou dun dicionario da cultura marítima.

O segundo obxectivo estratéxico busca a converxencia das institucións, recursos e axentes a través de 25 accións como a creación dun observatorio da cultura marítima, a dixitalización de documentación histórica das confrarías ou a organización dunha gan mostra da cultura marítima. O terceiro aspira a potenciar o desenvolvemento do sector produtivo das empresas tradicionais do mar con 23 proxectos como un selo da cultura marítima, a formación profesional neste eido e a creacións de programas laborais.

O cuarto obxectivo estratéxico incide en estender o coñecemento da cultura marítima a nivel nacional e internacional mediante 13 iniciativas como a creación de grupos de investigación, a posta en marcha dun programa de promoción no exterior e o liderado dunha Rede Europea de Entidades de Patrimonio Marítimo. O plan conta tamén cun anexo que pon en valor determinadas zonas do litoral galego que salientan por conservar as características orixinais e elementos singulares vencellados co mar ao non terse visto sometidos aos procesos de urbanización e industrialización do litoral. Estas zonas -denominadas áreas nai- que teñen núcleos urbanos e unha identidade especial son: Rinlo, Espasante (Ortigueira), Mugardos, Redes (Ares), Quilmas (Carnota), Muros, a enseada de Broña (Outes), a zona da Secada-Touro (Ribeira), Combarro (Poio) e A Guarda.