Xunta de Galicia leva misión comercial a México

Para abrir mercado á Marca Galicia

Aldea Global | A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, encabeza desde hoxe unha misión comercial a México co obxectivo de seguir estreitando as relacións comerciais entre Galicia e o país norteamericano e explorar novas oportunidades para o tecido empresarial galego.

A viaxe, na que participan máis dunha vintena de empresas galegas, coincide coa conmemoración do 30 aniversario da celebración, en 1992, da primeira Quincena de Galicia en México no Palacio de Hierro, unha empresa mexicana da cadea de retail. A idea, polo tanto, é aproveitar a reedición deste evento para promocionar os produtos galegos e posicionar a Marca Galicia no mercado mexicano.

Neste contexto, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, ademais de asistir mañá a este acto de aniversario, vai ter ocasión estes días de desenvolver unha axenda de visitas a varias empresas galegas implantadas en México, coñecer a antena do Igape e manter diversos encontros a nivel institucional.

Así pois, hoxe, no seu primeiro día de estadía no país, tivo ocasión de visitar as instalacións da compañía Carrocerías Halcón, do Grupo Marsan, unha das principais provedoras do sector da automoción con 45 anos de traxectoria. Dela, Lorenzana eloxiou a súa capacidade de adaptación, a través da innovación, ás novas demandas do mercado.

18M€ para proxectos pesqueiros
O Consello da Xunta analizou hoxe a convocatoria deste ano de axudas a proxectos que se desenvolvan ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) e que contan cun orzamento de 18,4 millóns de euros para iniciativas a desenvolver entre 2023 e 2025. Trátase da primeira convocatoria destas achegas, que sairá publicada no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros días, no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa) para o período 2021-2027.

Deste xeito, os potenciais beneficiarios destas axudas -pequenas e medianas empresas e persoas autónomas así como persoas xurídicas sen ánimo de lucro como as confrarías de pescadores ou outras entidades do sector- poden presentar proxectos ao abeiro dos oito GALP existentes na comunidade para aumentar o valor, crear emprego, valorar o fomento da participación das mulleres, atraer xente nova e promocionar a innovación en todas as fase da cadea de subministración dos produtos da pesca e da acuicultura.

Entre os obxectivos das iniciativas tamén están o fomento da economía azul nas zonas pesqueiras e acuícolas, o aproveitamento do patrimonio medioambiental -incluídas as operación de mitigación do cambio climático-, o fomento do benestar social e do patrimonio cultural ou o reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e a gobernanza dos recursos e actividades marítimas locais.

Para poder aplicar as estratexias de desenvolvemento local participativo, a Consellería do Mar seleccionou a finais do ano pasado oito GALP. Son os da Mariña-Ortegal, Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur, Costa da Morte, SEO de Fisterra Ría de Muros e Noia. Costa Sostible, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra e Ría de Vigo-A Guarda.

Estes oito grupos engloban a máis de 400 organizacións locais en representación dos sectores económicos, sociais e públicos, das que preto dun cento pertencen ao sector pesqueiro representando a máis de 13.000 profesionais do mar. Neste sentido, Galicia é a primeira comunidade autónoma que ten os grupos seleccionados, as súas estratexias aprobadas e lanza a convocatoria de axudas a proxectos ao abeiro do Fempa.

Resultados período FEMP
O Consello da Xunta tamén fixo un balance dos resultados acadados no desenvolvemento das estratexias de desenvolvemento local participativo no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Entre 2016 e 2022 desenvolvéronse algo máis de 700 proxectos ao abeiro dos GALP cun apoio público de máis de 37 millóns de euros e un investimento total de preto de 80 millóns de euros. As iniciativas postas en marcha permitiron xerar máis de 400 empregos directos a tempo completo e a actividade inducida no conxunto da economía superou os 215 millóns de euros e supuxo a xeración de máis de 4.500 postos de traballo entre directos e indirectos froito do desenvolvemento dos proxectos ou da actividade apoiada.

Os GALP
Os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) dan continuidade aos antigos grupos de acción costeira (GAC) e son asociacións sen ánimo de lucro colaboradoras da Consellería do Mar como axentes de desenvolvemento na aplicación das estratexias de desenvolvemento local participativo da zona pesqueira e na xestión e control das axudas que se tramitan para o desenvolvemento desas estratexias.

A actividade dos oito grupos que hai en Galicia dentro do programa operativo do Fempa contribuirá -ao igual que xa fixeron os seleccionados ao abeiro do FEMP- a mellorar a transformación, comercialización e posta en valor das producións pesqueiras, ao desenvolvemento dun sector turístico sustentable, á creación de empresas e a xeración de emprego e á diversificación do sector a través de iniciativas complementarias da actividade pesqueira como o turismo mariñeiro. Tamén contribúe á conservación e valorización do patrimonio natural e cultural marítimo-pesqueiro.