Ponteareas | O Consello da Xunta autorizou a sinatura do convenio de colaboración co Concello de Ponteareas para executar a primeira fase do saneamento da parroquia de Ribadetea, que suporá un investimento de preto de 1,7 M€.
O obxectivo do acordo é dotar de servizo de saneamento a toda a parroquia de Ribadetea, resolvendo os problemas detectados e eliminando os sistemas individuais que existen na actualidade.
Unha vez asinado o convenio, a Xunta prevé licitar as obras para que poidan estar en execución no segundo semestre de 2024.
En relación ás obrigas dispostas na colaboración, a Xunta achegará o 80 % do financiamento das intervencións, máis de 1,3 M€, e o Concello o 20 % restante, é dicir, algo máis de 330.000 €.
As actuacións serán cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da Política Común de España 2023-2027 (PEPAC) en Galicia.
No que se refire aos compromisos establecidos no convenio, o Goberno galego, a través de Augas de Galicia, executará as obras, cun prazo de 6 meses, e tramitará os fondos europeos, financiando os gastos non elixibles que superen a achega municipal.
Actuacións
De xeito máis detallado, as obras comprenden a execución dunha rede de saneamento nos núcleos da Freixa, O Souto e O Eido e a conexión coa rede existente na parroquia de Ribadetea, que conduce as súas augas residuais á estación de bombeo de augas residuais (EBAR) da Freixa para posteriormente dirixilas á depuradora da Moscadeira, na parroquia de Ponteareas.
Nesta primeira fase, proxéctanse dúas estacións de bombeo novas, en Mourade e A Freixa, e a renovación dos equipos de bombeo na EBAR existente.
Coa execución deste proxecto resolveranse os problemas de saneamento da parroquia de Ribadetea, eliminando os sistemas individuais que existen na actualidade.
A poboación beneficiada polas actuacións establecidas no convenio hoxe autorizado é de 1.051 habitantes, que contarán cun servizo de saneamento eficiente e acorde ás súas necesidades.
Esta nova colaboración da Xunta co Concello de Ponteareas súmase á que xa está en marcha para a construción da nova depuradora municipal e mellora do sistema de saneamento, que impulsa Acuaes por ser unha actuación de Interese Xeral do Estado. Augas de Galicia achega a esa actuación 2,3 M€ de fondos propios.
A construción desa nova depuradora é necesaria para que o sistema de depuración poida ampliar a súa capacidade de tratamento e recibir tamén as augas residuais procedentes da parroquia de Ribadetea.