Muíños | O Consello da Xunta autorizou a sinatura do acordo de colaboración entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello de Muíños para a mellora de espazos públicos do municipio ourensán, que suporá un investimento que rolda os 633.000€.
O ámbito de intervención localízase no lugar de Muíños, parroquia de San Pedro de Muíños, no contorno de elementos do patrimonio cultural, do patrimonio natural (Reserva da Biósfera transfronteiriza Xurés-Gerés), de varios regatos, e de liñas eléctricas.
O Goberno galego financiará estes traballos coa achega do 70 % do orzamento, é dicir, case 443.000 €; e o Concello de Muíños achegará o investimento restante, que rolda os 190.000 €.
O obxectivo desta intervención é actuar en zonas que se utilizan como punto de encontro e esparexemento do núcleo e que pola súa singularidade necesitan un adecuado acondicionamento para a súa posta en valor, ao tempo que se evita un proceso de degradación urbanística e arquitectónica.
Este proxecto no lugar de Muíños pretende a mellora da pavimentación con revisión das instalacións urbanas e soterrado de redes para dar continuidade ás actuacións xa iniciadas noutra fases de humanización de rúas doutros núcleos seguindo os mesmos criterios, creando unha pavimentación idónea para o uso peonil e de tráfico lixeiro principalmente na parte antiga do núcleo buscando dar uniformidade a todo o conxunto.
Tras a aprobación do acordo do Consello, a Xunta encargarase da licitación das obras, que contan cun prazo de execución de 6 meses. Estes proxectos desenvólvense ao abeiro do plan Hurbe, un programa da Xunta que impulsa actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos para contribuír á revitalización do territorio.