Xunta de Galicia e Concello de Cea executarán obras de mellora no casco vello

Renovación do pavimento, rede de saneamento e soterramento do tendido aéreo

San Cristovo de Cea | O Consello da Xunta acaba de autorizar o acordo de cooperación entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello de San Cristovo de Cea na humanización de varias rúas da localidade, cun investimento conxunto de preto de 700.000€.

O obxectivo do acordo é acometer o acondicionamento de rúas situadas na parte máis antiga da vila, que se atopan en estado de deterioración. De xeito máis concreto, as intervencións inclúen a demolición da soleira de formigón actual, a renovación do pavimento, a instalación dunha nova rede de saneamento e o soterramento de todo o tendido de cable aéreo das instalacións de electricidade, telecomunicacións e iluminación pública.

Estas actuacións contribuirán á mellora da calidade de vida da veciñanza e tamén ao desenvolvemento económico dun núcleo rural do interior de Galicia, o que posibilitará a fixación de poboación.

Ademais, a renovación desta contorna favorecerá o funcionamento do comercio, da hostelería e reforzará o pulo turístico que xa existe na localidade ao ser atravesada pola Vía da Prata do Camiño de Santiago e pola súa proximidade ao Mosteiro de Oseira. O Goberno galego cofinanciará nun 70 % estas intervencións, achegando un
investimento de máis de 488.000€; contratará e executará as obras.

O Concello de San Cristovo de Cea achegará o 30 % restante do custo estimado das actuacións, uns 210.000 euros; redactará o proxecto das obras, realizará as xestións pertinentes para posibilitar a súa execución e comprométese á recepción, ao mantemento e á conservación das actuacións, que incorporará ao patrimonio público municipal.