Xunta de Galicia anunciou a súa negativa a pagar ao Concello a débeda pola Estación de Autobuses

Pretende ademais reclamar un canon anterior ao 2011

Ponteareas | A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, lamentou hoxe a negativa da Xunta de Galicia a pagar ao Concello de Ponteareas a cantidade debida pola xestión da Estación de Autobuses dende 2011.

Nun escrito remitido á alcaldesa, a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade alega que as perdas da Estación a pagar se limitan ao período 2011-2016 e se compensan coa ocupación de parte das instalacións por parte de colectivos sociais como Ponte Solidario. Cristina Fernández afirmou que a Consellaría “falta á verdade e, afortunadamente, está documentado o compromiso da Xunta de pagar as perdas asumidas por Ponteareas nestes once anos e sen ningunha clase de compensación por ocupación das instalacións”.

Ademais, a Xunta advertiu que reclamará ao Concello o pago dun canon pola xestión da Estación. Cristina Fernández Davila lembra que “dito canon era de aplicación até 2011 coa concesión. De ser certo que non se pagou, os gobernos daquel entón deberán explicar porqué non se fixo e a Xunta debe aclarar porque se acordan agora, once anos despois, de reclamalo”.

A alcaldesa solicitou xa un informe xurídico para defender os intereses municipais, “se é preciso nos tribunais. Non imos aceptar que a Xunta con mala fe institucional prexudique a Ponteareas e a súa veciñanza nunha reacción claramente vingativa e contra un Concello que, sen ter obriga, lle solucionou durante once anos a súa incapacidade para xestionar unha Estación que é de exclusiva competencia da Xunta”.

A rexedora lamentou que a Xunta decidise poñer fin ás negociacións para cofinanciar a remodelación do edificio, ao non aceptar a oferta municipal. “O Concello ofertou unha colaboración moi clara, cifrada en 370.000 euros, para confinanciar as obras de remodelación; a Xunta pretendeu plasmar no convenio unha forma de pagamento inviábel xuridicamente e a Consellaría non aceptou outras formas de pago viábeis propostas polo Concello como o pagamento fraccionado”.

A alcaldesa revelou que nas negociacións o Concello tamén propuxo adquirir a propiedade da primeira planta do edificio, unha fórmula que si permitiría o pagamento único, pero a Xunta tamén rexeitou esa posibilidade.

Nunha resposta enviada este 15 de marzo á Conselleira, a alcaldesa sinala que “se esta vai ser a liña de actuación e de relación da súa Consellaría co Concello de Ponteareas adiántolle que a deste goberno municipal seguirá sendo a do respecto institucional, pero dende a firmeza da defensa dos dereitos e intereses de Ponteareas e sempre co amparo do ordenamento xurídico, recorrendo, se é necesario, á tutela dos tribunais de xustiza”.

A pasada semana a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, reiterou á Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade a oferta de colaboración para a remodelación da Estación de Autobuses. O Goberno municipal do BNG-PSOE ofreceu á Xunta 376.000 euros para cofinanciar estas obras, fronte aos 246.000 euros que asumiría a administración autonómica.

Ademais, a rexedora propuxo como forma de pagamento descontar os 130.000 euros que a Xunta lle debe ao Concello polas perdas ocasionadas pola xestión dende 2011 da Estación, de competencia exclusiva da administración autonómica.

Os 246.000 euros restantes serían pagados polo Concello con cotas anuais de 12.300 euros durante 20 anos. A cambio a Xunta cedería o uso da primeira planta do edificio ao Concello tamén durante 20 anos.

Pasados case 15 días dende a comunicación da alcaldesa, a Xunta de Galicia non deu resposta á oferta de colaboración. Cristina Fernández Davila lamentou que “a Consellaría non responda á xenerosa oferta municipal para unhas obras a realizar nun edificio propiedade exclusiva da Xunta”.

A alcaldesa non entende a actitude da administración autonómica, xa que “resulta sorprendente que ante o noso ofrecemento de 376.000 euros a Xunta pretenda impoñernos unha forma de pago único que os servizos xurídicos e económicos municipais non consideran legal e non acepten o pagamento fraccionado”.

A rexedora lembrou que “Ponteareas non ten ningunha obriga de gastar nada na Estación de Autobuses que é competencia exclusiva da Xunta, pero aínda así estamos dispostos a facelo a cambio de poder usar parte das instalacións”.

“O que non ten sentido é que fronte á man tendida do Concello, a Xunta poña condicións que ademais son imposíbeis legalmente. As condicións ponas quen colabora sen estar obrigado, neste caso o Concello, e non quen recibe a colaboración, que é a Xunta”.

Nun novo escrito remitido hoxe á Conselleira a alcaldesa reitera a oferta de colaboración pero sinala que ante a falta de resposta, “pouco acorde coa seriedade esperábel da Xunta”, o Concello vese abocado a entregar xa as instalacións para non seguir perdendo cartos coa súa xestión.

Por iso a Xunta foi emprazada a recoller o vindeiro 25 de marzo na Casa do Concello as chaves da Estación e facerse cargo das instalacións. Fernández Davila sinala que darase orde para que a partires do 1 de abril cesen todos os servizos contratados polo Concello na estación como a electricidade, limpeza ou seguro de responsabilidade civil.