Xunta de Galicia adxudica as obras de rehabilitación da fortaleza de Monterrei

Comezaran en febrero coa intención de que se teñan rematado durante 2025

Monterrei | Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia, asinou o contrato de inicio das obras de rehabilitación da Fortaleza de Monterrei con representantes da empresa adxudicataria. Trátase duns traballos que, como anunciou o director de Turismo se prevé que poderán dar comezo en febreiro de 2024 coa intención de estar rematados en 2025.

No acto participaron o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o director rexional de Paradores, Francisco Plaza, e o presidente do INORDE, Rosendo Luis Fernández. Xosé Merelles puxo de manifesto a “importancia estratéxica” destas actuacións coas que o Goberno autonómico recuperará algúns dos edificios da fortaleza e tamén porá en valor os espazos con usos turísticos.

En concreto, e tras realizar un estudo minucioso que avaliase a situación actual das edificacións e vías de acceso, o proxecto incluirá a recuperación dos edificios do Cuartel de Infantería, o antiguo Concello e o Colexio de San Xoán.

Tamén se realizarán actuación adicionais na Praza do Mercado e na de Armas, para pór en valor os seus usos turísticos incluíndo a ampliación da capacidade de aloxamento do actual Parador.

Así mesmo, buscarase a recuperación do espazo público e dotación de servizos ao complexo (saneamento, abastecemento, electricidade, telecomunicacións, alumeado público…).

Conxunto histórico
A intervención terá lugar en espazos públicos de titularidade autonómica con actuacións en máis de 20.000 metros cadrados, tanto de edificacións coma de espazo público afectado. “Buscamos transformar este conxunto histórico único para facer de Monterrei un gran polo de atracción do sector turístico e cultural, dotándoo de diferentes usos, principalmente turísticos, de cara aos próximos anos”, expresou Xosé Merelles.

Como recordou, o proxecto da Fortaleza de Monterrei está incluido no Plan Xacobeo Next Generation que a Xunta de Galicia puxo en marcha con fondos europeos e que, entre as súas medidas, inclúe a rehabilitación de 12 Bens de Interese Cultural vinculados ao Camiño de Santiago. “Son bens que seleccionamos desde a Xunta de Galicia para acometer a súa posta en valor turística”.

Destes BIC destaca a Fortaleza, onde se levará adiante esta restauración estrutural e paisaxística cun investimento de 14M€. “É o 35% dos fondos europeos captados para esta acción e o proxecto de maior investimento dos 12 aprobados”, explicou.