Xunta de Galicia acorda apoio económico para rehabilitar o Convento de Santa Clara

O presidente Alfonso Rueda asinou o convenio co seu homólogo da Deputación de Pontevedra, Luís López

Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asinaron este venres un convenio de colaboración a través do cal o goberno autonómico comprométese apoiar economicamente o proxecto de rehabilitación do convento de Santa Clara.

A sinatura deste acordo tivo lugar este venres pola mañá no altar da igrexa do templo pontevedrés. Un acto que supón unha nova mostra da cooperación entre as institucións autonómica e provincial para mellorar os servizos e infraestruturas da cidade de Pontevedra.

“O convento de Santa Clara está chamado a converterse nunha referencia da cultura galega. Pero para acadar ese obxectivo, é necesario tender pontes entre administracións, sumar esforzos e traballar de forma conxunta. E nese camiño, unha vez máis, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia camiñan da man”, afirmou o mandatario provincial antes de asinar o protocolo.

Ademais do apoio económico, que se materializará nas anualidades do 2025 e 2026, o convenio recolle tamén a creación dunha comisión de seguimento con representantes de ambas as dúas institucións, así como o compromiso da Deputación e da Xunta para tramitar todos os instrumentos xurídicos precisos tanto para a reforma e conservación das infraestruturas, como para a colaboración económica. Este acordo estará vixente ata o 31 de decembro do 2026.

Nun acto no que estiveron presentes, ademais dos dous presidentes, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; e o vicepresidente da Deputación e responsable do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez, e deputados provinciais; Luis López remarcou a importancia que ten a colaboración entre as institucións autonómica e provincial recordando que no último ano asinouse a transferencia do Pazo de Lourizán, da Escola de Cantería e iniciouse a dos centros educativos, entre eles o CIFP Carlos Oroza, de Príncipe Felipe. “Tres exemplos de cooperación leal e colaboración estreita entre administracións para ofrecer mellores servizos á veciñanza”.

A sinatura deste convenio, afirmou o mandatario provincial, supón “unha alianza para garantir o futuro de Santa Clara como referencia da Cultura galega, un acordo que reparte compromisos e responsabilidades entre Xunta e Deputación para afrontar unha reforma tan ambiciosa e un exemplo de lealdade institucional para facer máis cidade e máis provincia, que confío que sigan outras administracións”.

Do mesmo xeito, o acordo significa un novo paso adiante cara a execución dunha obra que afianzará o Museo de Pontevedra como unha das grandes referencias do ámbito cultural galego. “Quero reiterar o agradecemento da Deputación polo apoio da Xunta de Galicia a este proxecto estratéxico, transformador e vital para a cultura da nosa provincia e de toda Galicia”, concluíu Luis López.

Pasos adiante na tramitación do proxecto de reforma de Santa Clara
O presidente provincial repasou tamén a cronoloxía deste proxecto de reforma do convento de Santa Clara, unha actuación que confía en que poida comezar ao longo deste ano coa meta posta no 2027. “A nosa ilusión e obxectivo pasa por inaugurar Santa Clara para a celebración do cen aniversario do Museo de Pontevedra, no ano 2027”, recoñeceu López.

O primeiro paso cara ese obxectivo darase o próximo martes coa aprobación na Xunta de Goberno da Deputación da aprobación do expediente de contratación do proxecto, un trámite que conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros. Pero antes de chegar a este punto houbo moitos pasos previos. O primeiro tivo lugar despois da toma de posesión de Luís López como presidente e da constitución do novo goberno provincial cun traspaso de poderes “exemplar” cun bo entendemento entre o goberno saínte e os responsables técnicos do proxecto de Santa Clara.

Con todo, no proxecto que o executivo provincial ten para Santa Clara non se contemplaba a destrución dos xardíns para a construción dun almacén de restos arqueolóxicos. Polo que iniciaron negociacións co estudo de arquitectura gañador do concurso, Nieto Sobejano, para estudar a posibilidade de modificar o proxecto.

A predisposición, entendemento e boa sintonía reinou desde a primeira reunión e, despois de varios meses de traballo, as dúas partes chegaron a un punto de acordo que debe plasmarse agora por escrito no expediente de contratación que se abrirá a partir do día 30 de xaneiro.

Presentada en FITUR a ruta “Trazas de Pontevedra”
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este xoves o proxecto Trazas de Pontevedra, unha ruta por 17 xacementos arqueolóxicos que permite descubrir o patrimonio castrexo e romano repartido por toda a provincia. No stand que Turismo de Galicia ten na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebra esta semana en Madrid, o mandatario provincial afirmou que dar a coñecer esta riqueza contribúe a reforzar a posición da provincia como “destino turístico de calidade, natural, sustentable, diverso e enraizado coas súas tradicións”.

Acompañado por membros do goberno provincial e coa presenza de representantes do sector turístico, Luis López explicou en que consiste o programa Trazas de Pontevedra. “Trátase dunha iniciativa impulsada hai case unha década por esta administración provincial e que agora decidimos reimpulsar para musealizar e dixitalizar eses 17 magníficos xacementos, potenciala co deseño de rutas novas e visibilizala a través de novos contidos divulgativos”, sinalou López. Unha viaxe de 3.000 anos ao pasado para descubrir como era a vida neses poboados galaicos, cales eran os seus costumes e como deixaron unha pegada imborrable en concellos hoxe turísticos como O Grove, A Guarda, Vilagarcía, Cangas, As Neves, Oia, Sanxenxo, Marín, Cotobade, Tui, Campo Lameiro, Silleda, Ponteareas, Cuntis, Ribadumia ou Valga.

Neste sentido, o presidente provincial destacou a estreita colaboración da Deputación cos concellos nos que se atopan estes castros para devolverlle o esplendor que merecen. Unha iniciativa na que o goberno provincial ten a man tendida para colaborar con outras administracións na potenciación dun atractivo turístico e cultural 100 % Rías Baixas. “Temos o potencial para facer das Rías Baixas unha referencia aínda maior en turismo cultural a través do coidado do seu patrimonio arqueolóxico, a Deputación non escatimará esforzos para logralo”, asegurou López.

Insistiu o presidente provincial en que, ademais “das nosas rías, o noso albariño ou as nosas camelias, temos outra riqueza que brotou na nosa provincia moitos séculos antes”, anticipou antes de falar da orixe dos primeiros poboados das Rías Baixas. “Desde o máis alto dos nosos montes ou desde primeira liña de costa, desde a beira dos nosos ríos ou sepultados baixo terra; os poboados castrexos foron testemuña directa do desenvolvemento do noso territorio. Eles, os nosos antepasados, foron os primeiros en descubrir que as Rías Baixas tiñan algo especial e os primeiros en darse de conta da riqueza do noso recurso máis prezado: a auga, fonte inesgotable de vida e prosperidade”, subliñou Luis López.

A presentación de Trazas de Pontevedra rematouna o presidente da Deputación cun convite a todos os visitantes da provincia para coñecer un patrimonio arqueolóxico que deixa pegada. “Deixa pegada nos que coñecerán de onde saímos e por que somos un lugar admirado en todo o mundo, deixa pegada a través da inxección económica que supón para o territorio e deixa pegada en sustentabilidade, en facer da nosa terra un destino único, irrepetible e singular. Un destino 100 % Rías Baixas”, rematou Luis López.