Xosé Miranda gaña o XXIII Premio de Poesía da Afundación

O lucense escribiu “As torres abolidas” logo de acadar outros premios literarios

Chantada | O escritor e profesor Xosé Miranda, coa súa obra “As torres abolidas”, gañou o XXIII Premio de Poesía Afundación, promovido por esta institución, a Xunta de Galicia e o Centro PEN Galicia. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, estivo presente na cerimonia de entrega, quen destacou a relevancia deste premio consolidado na nosa axenda cultural para promover a produción poética en galego.

Lorenso felicitou ao gañador por formar parte dun grupo formado por importantes nomes da poesía galega contemporánea como Miguel Rodríguez Monteavaro, gañador da pasada edición; e Yolanda Castaño, galardoada co Premio Nacional de Poesía 2023. Destacou o bo momento do sector cultural galego, que nos últimos anos obtivo premios a nivel nacional, e desexoulle ao gañador moitos éxitos na súa carreira literaria.

Xosé Miranda (Lugo, 1955) é licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor xubilado desta materia. Publicou libros de poesía, literatura infantil e xuvenil, narrativa e mesmo participou en obras colectivas. Ao longo da súa carreira foi distinguido con varios premios, como o Premio Xerais en 1998 ou o Premio Merlín en 2002. Anteriormente, recibiu o Premio García Barros en 1990 e o Modesto R. Figueirido en 1988. Historia dun paraugas azul, Pel de lobo, Morning Star, Na terra sombría e Carozo Azul son algunhas das súas obras recoñecidas.

O premio supón a publicación do libro na colección Arte de trobar e unha dotación económica de 7.000 euros.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.