Xosé Merelles enxalza os traballos que valoran os recursos turísticos de Valdeorras

O director de Turismo de Galicia visitou a rehabilitación integral da Cova de Seadur

Larouco | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou o concello ourensán de Larouco onde coñeceu o resultado dunha das actuacións incluídas no Plan de Sostibilidade Turística (PSTD) Valdeorras, ruta do viño milenaria, xestionado polo Grupo de Desenvolvemento Rural-GDR de Valdeorras e cofinanciado con fondos europeos Next Generation co apoio e asesoramento de Turismo de Galicia. En concreto, comprobou os traballos de rehabilitación integral da cova de Seadur que se converterá no futuro centro de interpretación do viño “e suporá un importante impulso ao enoturismo da comarca de Valdeorras”, valorou.

Esta actuación supuxo un investimento de preto de 150.000 euros e completouse en aproximadamente catro meses, transformando o espazo nun novo recurso que “dará resposta aos viaxeiros que visiten a comarca de Valdeorras con recursos tan singulares e propios como son as covas”, expresou. A cova, adquirida no seu día pola Asociación Coveira e cedida en uso ao Concello de Larouco, foi sometida a unha rehabilitación integral que incluíu o acondicionamento xeral, a fixación de paredes e teito, e a instalación dun baño, entre outras melloras.

O obxectivo é que o espazo acolla no futuro catas e actividades vinculadas ao viño de Valdeorras, contribuíndo ao desenvolvemento turístico e económico da comarca “na liña dos obxectivos de Turismo de Galicia que aposta por dinamizar o rural da man da recuperación do patrimonio e a súa posta en valor turística”, engadiu.

Diversificación e impulso do rural
A intervención na Cova de Seadur está incluída dentro dunha das máis de dez actuacións do PSTD Valdeorras, ruta do viño milenaria que conta cun orzamento total de 1,5 millóns de euros xestionados polo GDR de Valdeorras, a quen o director de Turismo agredeceu tamén o seu traballo con iniciativas como esta e outras realizadas nos concellos de O Barco de Valdeorras, A Rúa, A Veiga, O Bolo, Petín, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá, Larouco e Carballeda de Valdeorras ao abeiro deste plan cofinanciado pola Unión Europea a través dos Fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation.

“Os fondos europeos Next Generation están a demostrar que, se se xestionan de forma correcta e áxil permiten obter resultados que contribuirán a que o modelo turístico de Galicia se siga diversificando e mellorando”, expresou Xosé Merelles.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.