Xosé Merelles anima a vivir a Semana Santa en Castro Caldelas

“Legado histórico e oportunidade para descubrir a Galicia interior”, dixo no pregón

Castro Caldelas | Xosé Merelles Remy, director de Turismo de Galicia, abriu oficialmente a Semana Santa de Castro Caldelas coa lectura do pregón no que puxo de manifesto a importancia da tradición desta celebración na vila e o crecente interese que esperta entre os visitantes que elixen Galicia para pasar estes días de descanso. Xosé Merelles referiuse no seu discurso á “tradición e identidade propia” desta celebración, que ten entre as súas principais citas a Procesión dos Caladiños, que percorre durante o Venres Santo o Casco Histórico da vila.

O director de Turismo de Galicia aludiu á dobre consideración da Semana Santa: “Non é só unha celebración relixiosa; é tamén unha expresión e un legado colectivo que nos define como pobo”, afondou, considerándoa “unha forma de sentir que pasa de xeración en xeración” e aludindo “aos nosos antecesores que nos ensinaron o valor do respecto, da fe e da memoria”.

Neste sentido, Merelles referiuse ao “traballo silencioso de quen, ano tras ano, fai posible que todo siga vivo”, como as confrarías, a veciñanza ou o voluntariado, “persoas que poñen tempo, esforzo e corazón para que esta tradición non se perda”. Unha tradición que valorou como “sinal de identidade” en Galicia e España, conectando cidades e vilas a través dun “fío invisible que une fe, cultura e historia”.

Ademais, subliñou que estas datas permiten “fóra dos meses máis intensos do verán, amosar Galicia en xeral e Castro Caldelas en particular coma un destino vivo durante todo o ano e un destino recoñecido, neste caso, coma un dos pobos máis bonitos de España desde 2018”.

O máximo responsable de Turismo de Galicia aludiu a estas datas como “unha oportunidade para parar, sentir e reconectar” e destacou a emoción coa que se viven, tanto entre a poboación crente como a visitante, quen participa e observa ou quen a lembra e quen a descobre. “Todas elas constrúen, xuntas, o significado destes días”, resumiu.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.