Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños en Ribeira Sacra

Continuarán en Ribeiro e Monterrei
Visita a adega Abadía da Cova.

O Saviñao | Javier Arias, delegado da Xunta, destacou o valor engadido que achega o viño para dinamizar a oferta turística da Ribeira Sacra durante todo o ano.

No transcurso dunha visita á adega Abadía da Cova (O Saviñao) no marco das 10ª Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia, Arias apuntou que “a viticultura e o viño son inseparabales doutros sinais de identidade desta zona como a paisaxe e o patrimonio, polo que é un acerto aproveitar en conxunto esas fortalezas para seguir consolidando este territorio como un destino único que ofrece infinitas posibilidades”.

Arias destacou que iniciativas de promoción como a que se desenvolve esta fin de semana na Ribeira Sacra supoñen a posta en valor dun recurso cuxa demanda está en auxe e que pode complementarse con outras propostas para atraer a máis públicos, como os Outonos Gastronómicos, que promove a Xunta ata finais de ano para estimular a demanda de aloxamento e restauración nas casas rurais.

Programa na Ribeira Sacra
A Xunta e as cinco Asociacións das Rutas dos Viños de Galicia celebran este mes a nova edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños, que inclúe por vez primeira unha fin de semana para cada unha delas. O lema deste ano é Volvemos a brindar.

No marco desta iniciativa, a Ribeira Sacra acolle hoxe e mañá visitas guiadas e de balde ás 11 adegas participantes na promoción. Ofértanse actividades e itinerarios variados con paradas en lugares de interese como o EcoMuseo de Arxeriz, o Centro Oleiro Rectoral de Gundivós (Sober), o mosteiro das Bernardas (Pantón) o Museo do Viño da Ribeira Sacra (Monforte de Lemos), unha visita teatralizada ao Pazo de Tor (Monforte) e a outros espazos de referencia como os miradores.

Outras propostas son a Ruta do Románico en Sober, Ruta entre Oliveiras da Ribeira Sacra, Ruta entre Sendeiros do Cabo do Mundo, visita ao museo etnográfico de Quiroga, catas, degustacións, paseos en lancha e un percorrido en segway con monitor entre Doade e o Mirador Souto Chao.

Todas as actividades están concibidas para ser gozadas en pequenos grupos e previa reserva, co obxectivo de seguir dándolle cumprimento ás medidas preventivas e de seguridade derivadas da crise sanitaria, garantindo así un enoturismo seguro.

Así mesmo, ofértase o servizo de transporte no Bus do Viño cun guía turístico especializado para os participantes que queiran facer as visitas ás adegas, museos e outros lugares de interese. O aforo está limitado ao 60% e hai que reservar praza. A programación continúa ata finais de mes, a vindeira fin de semana na Ruta dos Viños do Ribeiro e finalmente, do 29 ao 31 de outubro, na de Monterrei.