Ourense | As Xornadas de Folclore volven un ano máis á provincia co seu 40 aniversario. Trátase dun dos eventos máis esperados do verán cultural ourensán, que nesta edición contará coa participación de seis agrupacións folclóricas procedentes de Arxentina, Chile, Filipinas, Irlanda do Norte, Ucraína e Xeorxia, que suman 187 artistas que actuarán por toda a provincia entre o 11 e o 21 de agosto.
O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; a directora territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en Ourense, Sandra Quintas; e o director das xornadas, Julio Fernández Senra, explicaron esta mañá no Pazo Provincial os detalles dun evento que se celebra en Ourense desde o ano 1984. César Fernández destacou na súa intervención a importante resposta do público, cunha media aproximada de 20.000 espectadores grazas a ese carácter itinerante pola provincia. “Cumprir 40 edicións xa fala da importancia cultural destas xornadas, que permiten coñecer as manifestacións folclóricas de moitos lugares”, sinalou o deputado de Cultura.
Ademais, puxo en valor a “cooperación” como “clave do éxito” desta actividade plenamente consolidada “no verán ourensán en galego”. Pola súa parte, Sandra Quintas destacou a “contribución á dinamización das vilas e cidades, que durante uns días serán escenario de colorido e relacións multiculturais”.
Xulio Fernández quixo recoñecer o gran labor que hai detrás deste evento, citando a coordinación d Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, aos guías e voluntarios que traballarán a diario cos preto de 200 artistas que actuarán na provincia, aos directores dos centros de acollida e “a implicación da cidadanía nun espectáculo de máximo nivel, con grupos de calidade que representan a catro continentes”.
Dous espectáculos de preto de dúas horas por noite
A Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, organiza este festival coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta e dos diferentes concellos que acollen este evento.
Durante a súa celebración, cada noite haberá dous espectáculos en dúas vilas diferentes da provincia protagonizados en cada lugar por tres agrupacións, onde crean un espectáculo de case dúas hortas de duración para amosar a música, o baile e o vestiario tradicional do seu país. Ademais, trátase de espectáculos gratuítos para o público.
Así, a programación desta edición comezará o 11 de agosto no Teatro Principal coa cerimonia inaugural e prolongarase ata o 21 de agosto con actuacións nas vilas de Allariz, A Rúa, Bande, O Barco, Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana e Xinzo.
Os encargados de espallar a súa música, baile e tradicións pola provincia de Ourense pertencen ás agrupacións de Huayra Muyoj (Arxentina), Ballet Municipal de Rancagua (Chile), Royal Tara Dance Academy (Irlanda do Norte), Folk Dance Ensemble Volynianka (Ucraína) e National Honored Song and Dance Ensemble Georgian Folklore ‘Tsumu’ (Xeorxia). O Centro Residencial Docente de Ourense e o IES Universidade Laboral serán as instalacións que acollerán aos grupos participantes durante a súa estadía na provincia.