
A Cañiza | O Salón de Plenos do Concello acolleu este 22 de novembro unha xornada dedicada á literatura e á identidade galega. O evento, organizado pola Casa Museo Diego de Giráldez, tivo como eixo central a presentación do libro Poesía e sociedade no cancioneiro popular galego, de Xesús Alonso Montero. Un encontro que reafirmou o compromiso da entidade coa difusión do patrimonio literario.
A xornada comezou cun paseo dende a Casa Museo Diego de Giráldez, acompañado de música folclórica galega. Xa no Salón de Plenos, o Alcalde Luis Piña deu a benvida ao público e agradeceu o traballo e o compromiso cultural do artista Diego de Giráldez, principal organizador desta xornada literaria. O Alcalde destacou tamén a presenza do convidado de honra, o profesor Xesús Alonso Montero, a quen definiu como “unha das voces máis lúcidas e autorizadas de Galicia”.
No seu discurso, Luis Piña recoñeceu o labor de Alonso Montero —filólogo, crítico literario, sociolingüista, ensaísta e académico— e lembrou os cargos que ocupou ao longo da súa carreira: presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017, membro da RAG e do Consello da Cultura Galega, catedrático emérito da USC e doutor honoris causa pola UNED. Unha extensa traxectoria recoñecida con numerosos premios, entre os máis destacados:o Premio Nacional de Xornalismo Julio Camba (1988),Premio Otero Pedrayo (1988 e 1989) , Premio Cultura Galega das Letras (2019) e máis recoñecementos ao seu traballo literario.
Tamén puxo en valor a figura de Diego de Giráldez, veciño do municipio, artista, pintor, escultor, anatomista de recoñecido prestixio e Fillo Predilecto do Concello, agradecéndolle expresamente o seu traballo e o seu compromiso coa difusión da cultura e do patrimonio literario galego.
Tras a presentación do Alcalde, tomou a palabra Diego de Giráldez, principal impulsor deste acto, quen mantén unha fonda relación de amidaze co autor, como así o expresou durante a súa intervención, poñendo en valor o profundo traballo do autor durante toda unha vida adicada ao estudo do noso patrimonio lingüístico.
Tamén se destacou o amplo labor investigador de Alonso Montero, recoñecido polos seus estudos sobre figuras fundamentais da literatura galega como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Castelao ou Celso Emilio Ferreiro.
A continuación, Xesús Alonso Montero presentou a súa obra Poesía e sociedade no cancioneiro popular galego (Editorial Galaxia). Nela analiza a tradición poética popular desde unha dobre perspectiva: a artística e a sociohistórica. O escritor salientou o valor estético destas composicións e tamén o seu papel como documento social, lembrando que boa parte delas foron creadas ou recreadas por mulleres dos estamentos máis humildes, que transmitiron esta memoria cultural ata os nosos días.
A intervención de Alonso Montero permitiu achegarse dun modo claro e próximo ao sentido profundo do cancioneiro popular, entendido como expresión poética pero tamén como parte esencial da historia social de Galicia.




