Xardín do Edén.


Aínda que agora estamos nunha fase doce, a razón da forza é o argumento que nos adoita aplicar o españolismo. E iso implica demasiadas veces (como na recente sentenza sobre as responsabilidades do accidente de Angrois) a primacía do Dereito sobre a Xustiza.

Tampouco temos unha verdadeira policía galega e democrática, que non faga apoloxía de VOX nos institutos, unha policía que fale no noso idioma, con mandos e persoal plenamente democráticos. Non temos soberanía nin política nin económica e deciden por nós en Madrid e, xeralmente, en contra nosa. E Madrid irradia “perfección” aos pobos sometidos aos seus designios centralistas. O corredor atlántico, que non sei se finalmente pasará pola costa atlántica galega, pasa -como non- por Madrid; porque Madrid o é todo: alfa e omega, principio e fin. Alí reina un rei, Felipe, e unha raíña, Isabel. O Rei sae nas moedas e a Raíña nalgunhas latas de atún. E ambos os dous navegan por mares, océanos e tebras.

“Non temos soberanía nin política nin económica e deciden por nós en Madrid”

Será verdade que Julio Iglesias lles vai cantar unha canción de homenaxe? Será certo que as árbores dos parques e rúas de Madrid dan froitas exquisitas? Ou será unha exaxeración dos “ganchos” do PP que temos en Galiza? Pero até no Xardín do Edén había unha serpe e a serpe chámase VOX. O que ofrece -neste caso- non é coñecemento; senón a idea ruín de esmagar ao outro/a, ao diferente.

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.