Xantar, “Galicia Calidade” en turismo enogastronómico

Cociña galega, mexicana, peruana e venezolana en Expourense

Ourense | “Galicia Calidade” tamén en turismo enogastronómico. Esta máxima para definir e promocionar o realizado en Galicia escóitase tamén en Xantar para facer referencia á excelencia da enogastronomía galega, que está posicionada como a segunda motivación pola que o turista elixe Galicia como lugar de visita. Ademais de motivación turística, a gastronomía destácase neste salón como un eixo vertebrador que axuda ás deputacións para axuntar a oferta turística dos seus concellos.

Ata este domingo 23 de novembro, Xantar ofrece unha edición que conta coa participación de 75 expositores, un mercado enogastronómico, 3 restaurantes e un programa de 120 actividades que inclúen talleres de cociña en directo, catas comentadas, degustacións e concertos diarios. O mercado e a zona infantil son as principais novidades desta edición que volve contar con entrada gratuíta.

Ademais de contar co tradicional restaurante que ofrece nesta ocasión un “Menú de Outono” 100% ourensán, a Deputación facilita a participación de dous xeodestinos turísticos (Terras de Celanova – Serra do Xurés e Trevinca-Valdeorras”, promociona a Vía da Prata. Dase a coñecer o Centro de Transformación para a pequena produción sostible de Cantoña, en Paderne de Allariz. Durante a fin de semana, comercializaranse neste espazo os primeiros produtos elaborados alí.

Tamén participou no acto inaugural o deputado de Turismo da Pontevedra, Jesús Vázquez Almuíña, que destacou á gastronomía como o gran elemento desestacionalizador da oferta turística das Rías Baixas. Hoxe celebrábase o día dedicado a esta provincia en Xanta que incluíu unha degustación de distintos aperitivos preparados con algas.

Celebrouse hoxe o día dedicado a Turismo Porto e Norte de Portugal, o principal socio estratéxico de Expourense no país veciño en materia de turismo. O seu vicepresidente, José Candela Moura, interveu no acto inaugural facendo referencia á relevancia de Galicia como principal mercado emisor de turistas para esta rexión, mobilizando ao norte do país cun número crecente de municipios e axentes económicos que priorizan Xantar como o escenario idóneo para promover e compartir o produto turístico “Gastronomía e Viños”.

A caseta de Porto e Norte acolle a varias cámaras municipais da rexión que se suman ás que participan de forma independente como é o caso de Vila Real (presente desde a primeira edición), Felgueiras, Arcos de Valdevez, Alixo, Viana do Castelo ou Braga. Entre os destinos portugueses tamén participan como expositores as Illas Azores a través da Cámara de Industria e Turismo de Angra do Heroísmo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.