
Ourense | Luís Menor, presidente da Deputación de Ourense, participou hoxe na clausura da 26ª edición de Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que é o “mellor escaparate” para promocionar a calidade agroalimentaria da provincia, dixo.
Esta última xornada de Xantar, dedicada á provincia de Ourense, puxo fin a unha das citas máis lonxevas do calendario feiral español sendo, ademais, a única feira internacional de turismo do País especializada en turismo gastronómico.
Neste sentido, Luís Menor dixo que coa clausura do Salón péchase “o mes máis ourensán do ano: magostos, Premio Ourensanía e agora, Xantar”. Catro días de actividades en Expourense con 75 expositores, un mercado enogastronómico, tres restaurantes e máis de 120 actividades que incluíron talleres de cociña en directo, catas, degustacións e concertos.

Desde a Deputación de Ourense, ademais de ter o restaurante da provincia en colaboración con Cuevas e Coren cun menú elaborado a base de produtos ourensáns, tamén promocionou os recursos turísticos da provincia a través dun stand que contou cunha área específica destinada á Vía da Prata.
Xunto a este, estiveron os stands dos xeodestinos “Terras de Celanova-Serra do Xurés” e “Trevinca-Valdeorras”, xestionados polo Inorde. E, como novidade, promocionouse o Centro de Transformación para pequenas producións sostibles de Cantoña, posto en marcha pola Deputación, para dar a coñecer os seus servizos e captar a posibles novos usuarios.
Un centro que amosa “o noso compromiso co sector primario provincial, conscientes de que é un dos piares do desenvolvemento económico da nosa provincia”, destacou Menor, quen lembrou que xa se comercializaron en Xantar os produtos alí elaborados, o que demostra “que estamos traballando no camiño acertado”.
Produtos do mar
Marta Villaverde, conselleira do Mar, participou este domingo na clausura de Xantar, na que destacou a aposta da Xunta pola promoción e difusión dos produtos agroalimentarios, incluídos os procedentes do mar, e que para os que a Consellería destinará o vindeiro ano 14 millóns de euros a través da presenza en eventos feirais.
O departamento de Villaverde participou cun expositor propio, no que se desenvolveron distintos obradoiros-degustacións que enxalzan “as excelentes propiedades” dos produtos marítimo-pesqueiros, dispoñendo algúns deles de selos de calidade como pescadeRías.
Definida pola conselleira como “acción que dá pulo á Galicia gastronómica, turística e mariñeira”, os asistentes puideron saborear conservas de Anfaco-Cytma, pescada do pincho e bonito do norte de Burela, mexillón da Denominación de Orixe Protexida de Galicia e rodaballo de Prodemar.
O acto de clausura de hoxe estivo presidido polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, que fixo fincapé no papel da dieta galega na lonxevidade dos habitantes de Ourense, provincia que busca converterse nunhas as poucas áreas do Mundo denominadas “Zona Azul” polo seu alto cociente de habitantes que superan os 100 anos con 334 centenarios na actualidade. Tamén participou no acto de o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles Remy.




