Xantar consolídase como o gran escaparate da calidade enogastronómica de Galicia e do Norte de Portugal

165 expositores de 5 países, 7 restaurantes e un programa de máis de 120 actividades

Ourense | Xantar posiciónase como un atractivo máis para visitar Galicia captando visitantes doutras comunidades, en especial a aquelas que agora están máis preto que nunca grazas ao tren de Alta Velocidade que comunica a cidade de Ourense, sede da única feira internacional de turismo gastronómico de España, con Madrid en 2 horas 15 minutos e con Zamora en pouco máis dunha hora. Xantar 2022 abriu esta mañá as portas da súa 23ª edición consolidada como o gran escaparate para promocionar a excelencia da enogastronomía de Galicia e do Norte de Portugal e convertida no símbolo da unión desta Eurorrexión de máis de 7 millóns de habitantes.

Representando a Portugal, país que cada ano reforza a súa presenza en Xantar e que este ano conta coa participación de 25 cámaras municipais ademais das incluídas no caseta Entidade de Turismo Porto e Norte, participaron a cámara municipal de Maia, municipio no que se sitúa o aeroporto de Sa Carneiro e que segundo indicou hoxe o seu vereador de Turismo Paulo Ramalho, “o Camiño de Santiago para moitos dos peregrinos empeza no noso aeroporto”.

Hoxe tamén foi o día dedicado á Comunidade Intermunicipal de Alto Tâmega e Barrodo, unha entidade integrada por seis cámaras municipais do Norte de Portugal (Boticas, Chaves, Montalegre, Ribeira de Pena, Valpaços e Vila Pouca de Aguiar) que cooperan para promocionarse de forma conxunta como destino turístico e gastronómico.

Tamén foi o día dedicado ás Persoas Maiores e distintas asociacións como a Asociación de Maiores de Teléfonica, Asociación Diabética Auria ou as ATEGAL aproveitaron unha vez máis para reunirse en Xantar para celebrar unha comida de confraternización.
Expourense convértese así durante cinco xornadas, ata o vindeiro domingo 13, no epicentro do turismo enogastronómico peninsular a reunindo a 165 expositores e con 5 países representados (España, Portugal, Estados Unidos, Perú e Costa Rica). Contará ademais con 8 restaurantes, 3 aulas gastronómicas, 1 aula de catas comentadas e 1 espazo de degustación e promoción das festas gastronómicas de Galicia.

Unha das novidades desta edición é o Espazo das Festas Gastronómicas de Galicia no que se ofrecen continuas degustacións dos produtos de calidade que dan orixe ás mesmas e que son máis de 300 en Galicia. Nesta primeira xornada do salón celebráronse as promocións das festas do Requeixo (requeixo) con mel das Neves; do Viño de Amandi e da Rosca de Sober; a de Callos e Petiscos Irmandiños de Vimianzo ou as Festas do percebe, berberecho, raxo ou fabada de Ponteceso.

Celebrouse tamén o IX Encontro de Bloggers no que participaron máis de 30 blogueiros de toda Galicia, Portugal, León e Toledo. Este encontro contou coa colaboración do Concello de Ourense que lles organizará ademais mañá pola mañá unha visita guiada pola cidade na que tamén participarán os cinco operadores de turismo que hoxe participaron no Workshop de Turismo Gastronómico.

Durante esta primeira xornada puideron degustarse tamén os 13 menús que ofrecen os 8 restaurantes desta edición e procedentes de Zamora, A Guarda, Massachusetts e dos concello da Arnoia e O Irixo. Para promocionar e degustar a gastonomía dos camiños pódese comer no restaurante promovido polo INORDE “Camiños EnOUgastronómicos” e o que promociona o Camiño Miñoto Ribeiro que parte de Braga e percorre a comarca do Ribeiro.

Outra das novidades en restauración este ano, especialmente pensada para as visitas de fóra de Galicia, é a recreación dunha taberna que ofrece empanada, polbo á feira e carne ó caldeiro e “café de pota” que é un menú que nunca falta, e nunca falla, en calquera festa popular desta comunidade. Tamén se celebrou o primeiro pase do Concurso de Cociña Gourmet que correspondeu á categoría profesional. A xornada de hoxe concluirá coa celebración da Noite do Deporte que incluirá a visita e cea de confraternización de distintos clubs deportivos da provincia de Ourense.