Lalín | Coa organización da terceira edición consecutiva da “Aldea no Nadal en Codeseda”, o Museo Etnográfico Casa do Patrón ponlle o broche de ouro a un ano cheo de retos, dificultades e traballos, pero tamén de novas actuacións, ampliacións e melloras substanciais das súas instalacións e exposicións, que o fan aínda máis atractivo: editamos dous libros, o “manual lingüístico e didáctico do proceso do liño” e o “Patrimonio inmaterial de San Pedro de Doade”, varios vídeos (a sega, a malla, o proceso do liño), un documental de 90 minutos de duración sobre a “historia do museo etnográfico Casa do Patrón”, executamos a 7ª campaña de escavación do castro de Doade, musealizando 18 m. de longo dunha segunda muralla defensiva e recuperando 2.400 restos arqueolóxicos, que se situarán no Museo, pasando así a ter depositados 24.000 restos do noso castro; realizamos a XXII edición da Malla Tradicional de Doade, única das grandes segas e mallas de Galicia continuadas nos últimos dous anos, que, debido a obrigada ausencia de público presencial, foron transmitidas para todo o mundo por Internet, vía streaming.
Efectuamos a XIII recreación do proceso do liño; acometemos a construción da capela de Codeseda, unha obra de 9,50 x 6,50 m. feita en cantaría, presidida por unha réplica da antiga Sagrada Familia de Codeseda, tallada en madeira de castiñeiro policromada. Montamos no seu interior a exposición “Líbranos do mal: lingua, culto e crenza”, composta por máis de 300 pezas que versan sobre a riquísima relixiosidade popular e a etnomedicina do pobo galego, unha mostra singular e pioneira en Galicia dentro do seu xénero, tendo ademais a versatilidade precisa para celebrar todo tipo de actos socioculturais do Museo, sen perder un ápice do seu valor expositivo.
Acometemos a montaxe dunha completa sala de medicina tradicional e das antigas boticas, cunha especial dedicación á figura do médico rural galego, incorporando máis de 200 apeiros aos que xa contiña o Museo neste eido tan representativo das nosas tradicións máis arraigadas.
Finalmente, coordinamos a execución dos traballos do galardón “Aldea Singular”, concedido ao Museo e excutado polo Concello de Lalín, restaurando as dúas fontes máis emblemáticas da parroquia, colocando paneis informativos na totalidade dos lugares da parroquia e facendo o mantemento anual da ruta homologada de sendeirismo PR-G210.
En definitiva, no 2021, a Casa do Patrón consolidouse, sen ningún xénero de dúbidas, como o gran ecomuseo do patrimonio material e inmaterial galego, con 14 salas de exposición, múltiples obradoiros, actividades e gastronomía tradicional propios do mundo rural galego, complementado con rutas de sendeirismo, unha contorna fluvial biosaudable de natureza, cultura e lecer, erixíndose no epicentro dunha aldea rural totalmente restaurada, asolagada por unha formidable paisaxe natural e riqueza medioambiental, cun brillante historial acreditado e documentado nada menos que por 16 libros, 5 vídeos e 1 documental editados.
Agradecemos todo o apoio recibido, tanto da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello de Lalín, como da continuada colaboración de veciños e
amigos da Casa do Patrón que nos permitirán seguir aportando no futuro o noso humilde gran de area a manter viva a Galicia profunda e baleirada, pola que moitos avogan, pero moi poucos loitamos a cotío pola súa supervivencia.
O persoal da Casa do Patrón séntese ben orgulloso de levar traballando a reo durante os últimos 26 anos cunha fe inquebrantable, como sinal de gratitude cara o privilexio de vivir na terra que nos veu nacer, este verdadeiro xardín do Edén chamado Galicia.
Despois desta loita sen cuartel nas peores circunstancias e unha vez postos os alicerces para mellorar e ampliar a nosa ampla gama de servizos, pasamos páxina a un ano tan duro para todos, agardando con esperanza e optimismo a entrada do vindeiro ano xacobeo 2022, que estamos seguros será un período de recuperación sanitaria, económica e moral, xerando un gran rexurdimento colectivo, do que todos nós seremos partícipes e responsables. Temos por diante 365 novas oportunidades, 365 lenzos en branco para retratar neles a nosa mellor versión, vivindo cada día con intensidade, aprendendo dos erros de onte e confiando cegamente no mañá.
Un novo ano, unha vida nova, pero levando sempre a vella Galicia no corazón, porque o máis importa non é o destino senón os nosos compañeiros de viaxe, que sodes nin máis nin menos que todos os galegos, para os que invocamos á Divindade a permanente compaña dos nosos cinco mellores amigos: a saúde, o traballo, o amor, a amizade e a felicidade. Bo Nadal e feliz Aninovo 2022 para toda/os!
Artigo de Manuel Blanco Villar.