Vou Dar de beber à Dor

Vou Dar de beber à Dor”
“Pois dar de beber à dor é o melhor
Já dizia a Mariquinhas
Amália Rodrígues

Conta a lenda, verdade ou non eu non cho sei, que no Castelo de Maceda criouse o rei Alfonso X o sabio, é sabido por todos nós, os que andamos voando nos mundos dos soños, que a infancia e a cerna da vida, onde agroman os sentimentos, a dozura e a arte.

Poida co rapaz mamara dos verdes e das congostras, da liberdade e dos cumios, dos do Castelo e dos outros, a lingua do lirismo, e que as Cantigas de amor e escarnio, e as de Santa María, teñan as orixes nun castelo rexio, nunha fortaleza aniñada nos soutos de castiñeiros e carballos da vila das maceiras.

Conta tamen a lenda, é verdade eu ben o sei, que mil anos despois, fixose señor do Castelo, un druida cociñeiro que enfeitiza con manxares e sorrisos a aqueles que alí se achegan, dinlle Carlos Parra, seica é un novo guerreiro que loitando sen descanso fixo do vello castelo; un anaquiño de ceo.

E do ceo, conta tamen a lenda que baixa de cando en vez, unha estrela cantando Fado Minhoto e cos que a escoitan fican abraiados detidos no tempo, entre o Porto e Ourense, entre o Miño e Lisboa, entre Camões e Pessoa, entre Celso Emilio e Rosalía, porque a que así canta e María, María do Ceo ourensanía, María fado e poesía.

Eu que estiven alí, direivos que choramos ou cantamos ou rimos e nos levantamos, cando a raíña o dí, ao compás dos seus cantos, que parecen ata ensalmos que nos están a arrolar, conxuros de todolos tempos feitos para nos enfeitizar.

“E se o fado e destino, noutras lendas estará escrito, que os astros irían letras e músicas xuntando”

E se o fado e destino, noutras lendas estará escrito, que os astros irían letras e músicas xuntando, e cun tal Gónzalez Armando, creara coma os deuses cantigas para outros tantos, e nesta conxunción divina entre poeta e raiña; non teñen sentido as liñas que separan as lareiras da Galiza e Portugal, que sepan que debaixo do mar non hai fronteiras, ogallá viviramos no mar!

Treme de emoción todo, cando María se planta, coa mirada que o mundo abarca e coa voz que o acariña; toda vestidiña de negro e coas guitarras ao flanco, Alex Salgado a portuguesa e José Salgado a española e con voz de caracola, de Fisterra ata Faro navegan en cada onda, fados minhotos galegos, da mais galega de todas por ser o mesmo tempo, moi galega e muito portuguesa!

E nunha mesa redonda sentinme por un instante, eu tamen o rei do castelo, rodeado dos amigos, Paco Ascón pintor de outonos e naturezas no cumio de Xares, Carmen Belvert a pombiña branca. Marina Sánchez artista e musa da Moura bendita, Piedad e Esteban as almas doces, onde se acubillan os agarimos, José e Maite outros amigos que coñecin ese día, novos compañeiros de viaxe nos carreiros da vida, e apegadiña a miña Bertiña querida, apretandonos as mans cando a fadista pintaba coma ninguen a Casiña Portuguesa, a casiña tamen da Bertiña, a dos brazos abertos, a que ofreceu con certeza pois nunca construeu casa, porque estivo moi atarefada facendo de cada unha, o noso lar, o fogar da familia, con certeza, que non por ser galega deixa de ser portuguesa.

E falamos do pan, do de Xares, do de Cea e tamen do que se coce en Ribas do Asneiro e lembreime de Vicente Risco que recolle a crenza de que, en Maceda e en Castro Caldelas, gardan o pan que se coce no día de San Bertomeu (24 de agosto), nunha artesa e non podrece nunca, cando hai un incendio botaselle e apagase, e pensei que Risco tamen era algo andromiñeiro, e despois papá lembreime de ti, escoitando “Vou Dar de beber à Dor” e vin outra vez o teu sorriso e gardeino na miña artesa, por se preciso apagar na vida algún incendio, apañarei da artesa unhas faragullas botareillas e seguirei soñando.

“E por certo, ben que che había de gustar María do Ceo, cantando por Amália Rodrigues”

E por certo, ben que che había de gustar María do Ceo, cantando por Amália Rodrigues, de quen ti tanto “gostavas” ,non me digas que non, e deixate de andromenas que ben te vin por alá, cantando e sorrindo naquela mesiña do fondo, mentres soñaba “Uma casa Portuguesa”.

Fillo de emigrantes galegos, naceu en Caracas. Empresario. Articulista e colaborador en varios xornais. Creador da sección “Con Sentimento” na revista internacional “A Bugalla”. Coautor de "As andrómenas e outros contos" (editorial A Formiga Rabicha). Participa activamente en iniciativas solidarias e culturais.