Volver atrás.

Novamente ese sabor acedo e gris, esas sombras sobre de nós. A eterna sombra que nos asombra preconizada tantas veces. Estamos en tempos de regresión e os datos son quen nos fan darnos conta dese evidente movemento reaccionario. Os poderes públicos están para limitar, para coutar e non están para abrir cancelas, dar solucións viables á nosa soñada liberdade. Estamos en tempo de desconto, novamente. Si, os Altri, as minas, os lodos, eólicos monstruosos, imposicións, corruptelas con corruptos e corruptores, con mentiras, leis de dobre fondo, regulamentos de tempos, de espazos, de saúde, de afectos, de liberdades. Son formas de recuar, de recollernos en memorias e saudades dun pasado que cremos menos malo.

Aí, aquelas liberdade soñadas! Ai, aquelas esperanzas de recobrar e conquistar as nosas esencias! Estamos, como moito, en tempos de recheo e empeoramento. Tan difícil é de comprender que o progreso, mesmo o benestar, non debe ser un custo de perda e deterioro do noso patrimonio social, físico e cultural? Tan difícil é de entender que debamos buscar solucións, desde a suposta intelixencia, sen menoscabo de nós e do noso? Será que non saben ou será que non queren. Penso isto último, fan as cousas enfadados e aplicándose en reprobacións e condenas, na exclusión e repulsa, na censura. Si, nas filípicas de reproche constante. Tamén penso que non se queren a eles mesmos, que non souberon apreciar a felicidade de ser quen son e ter o que todos temos no beneficio da orixe e na satisfacción potencial de Galiza.

“Aí, aquelas liberdade soñadas! Ai, aquelas esperanzas de recobrar e conquistar as nosas esencias!”

Parece ser que si, agora a Xunta patrimonializa estas perdas de identidade, de liberdade, en definitiva da nosa esencia e dignidade. Si, así se entende esa pretensión de coutar a liberdade de cátedra na docencia, esa liberdade que evita controlar o ensino, a transmisión de coñecementos e pareceres entre alumnado e profesorado. Aquilo que era unha continuidade da base social no próximo. Un control sobre a actividade que se desenvolve nos centros de ensino. E falan de neutralidade ideolóxica. Algo que soa a aquelas músicas dos inventos, a aquela harmonía lingüística que penalizaba o galego abeirándoo nas “marías” dun suposto “bilingüísmo”, onde sempre saímos perdendo. Si, volven á carga desestabilizando. Menos mal que, de momento, din que van respectar e “defender” os principios constitucionais. Os que dicían e falaban da especial protección ás linguas periféricas, que tamén oficiais. Cousa que nunca fixeron no espírito da lei. O certo é que queren intervir de novo no labor dunhas persoas, ben se sabe propugnando a “súa” ideoloxía, xusto aquela que nos respecta ás outras, a ningunha fóra da súa. Paréceme unha ousadía e atropelo. Un signo de deterioro das institucións que ninguén, no seu san xuízo, ousou delimitar. E supón un certo xuízo ao profesorado, intromisión nas aulas, desconfianza previa que, sen probas, quere manipular contidos e formas.

Quéreno relacionar tamén coa autoridade do profesorado, coa autoridade da dirección dos centros. Están a anos luz de comprender, pois nin sequera tiveron a ben comprender ratios nin os reforzos educativos, nin toda unha temática moi seria da saúde mental, xa desde as aulas de infantil e primaria. Sorprendeu que haxa sindicatos que tragan con estas medidas de control e de falta de reforzos. Fun docente toda a miña vida profesional, máis de corenta anos, mestre no rural e non vin que ninguén -salvo os fachas de natureza soberbia- que quixeran controlar ideoloxicamente a persoas que chegaban ás aulas e que se están iniciando a vida que, ben se sabe, poden ser manipuladas e levadas a insensatez e á mentira. Pero a cativada toda, sabe conscientemente colocarse onde debe e aprende moito, a pesar de nós, a pesar de que tan sibilinamente conculquen liberdades desde os despachos de Santiago. Novo erro sumado a moitos outros que, na súa prevención, couta liberdades e non deixa en paz as aulas, mesmo aumentando os papeis e burrocracias de sempre, esas que xa se certifican os certificados e solicitan as solicitudes. Así se piden citas para un día ser atendidos, poida que o sexan. Iso mesmo, regresión á burramia e desespero, á desconfianza e á mentira.

Mestre e músico.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.