Volve “Saborotea” para dinamizar o comercio de Ponteareas

O Concello reuniuse coa hostalaría local para preparar esta nova edición

Ponteareas | A Concellería de Comercio do Concello de Ponteareas mantivo esta semana un encontro con locais de hostalaría do municipio para comezar a preparar unha nova edición de “Saborotea”, a iniciativa gastronómica que busca poñer en valor a hostalaría local e dinamizar a actividade económica da vila.

Durante a reunión, o concelleiro de Comercio, Ricardo González, animou aos establecementos hostaleiros a sumarse a esta proposta que cada ano conta cunha maior participación e que pretende visibilizar o traballo do sector e atraer público aos locais do municipio.

“Saborotea é unha oportunidade para promocionar a nosa hostalaría, dar a coñecer a calidade das súas propostas e contribuír á dinamización económica de Ponteareas”, sinalou o edil, que destacou tamén a importancia de traballar da man do sector para seguir consolidando esta iniciativa.

Na anterior edición participaron un total de 11 locais, que durante as xornadas de venres, sábado e domingo ofreceron almorzos completos a prezos especiais. Desde primeira hora da mañá e ata o mediodía, veciños e visitantes puideron comezar o día con propostas gastronómicas pensadas para desfrutar dun almorzo diferente nos establecementos participantes.

A iniciativa tamén incluíu premios para o público. As persoas que probaron tres almorzos diferentes puideron participar no sorteo de agasallos aportados polos propios locais participantes, fomentando así que o público visitase varios establecementos e coñecese a variedade da oferta hostaleira local. Ademais, as propostas presentadas polos locais foron avaliadas por un xurado formado por profesionais da cociña e da hostalaría do centro de formación A Cancela, que visitaron cada un dos establecementos participantes para valorar as diferentes elaboracións. Entre os criterios de avaliación destacaron aspectos como a creatividade, o servizo, a calidade e a innovación.

Coa posta en marcha dos preparativos desta nova edición, a Concellería de Comercio continúa a traballar para reforzar a colaboración co sector hostaleiro e impulsar iniciativas que contribúan a dinamizar o comercio e a actividade económica de Ponteareas.

ConciliaTea Semana Santa 2026
Por outra banda, o Concello  informa ás familias de que xa está aberto o prazo para presentar a inscrición no programa ConciliaTea Semana Santa 2026, unha iniciativa dirixida a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante o período das vacacións escolares.

As persoas interesadas poden realizar a inscrición a través da sede electrónica do Concello mediante o trámite “Solicitude de inscrición no ConciliaTea Semana Santa 26” ou directamente a través da seguinte ligazón:

O concelleiro de Ensino destacou que “o Concello ofrece este servizo de conciliación durante os períodos non lectivos para apoiar ás familias e facilitar a organización da vida laboral e familiar”. Neste sentido, subliñou a importancia de manter este tipo de programas que permiten ás familias contar cun recurso educativo e de lecer seguro para os máis pequenos.

O ConciliaTea Semana Santa é unha proposta formativa que, ademais de favorecer a conciliación, promove a atención á infancia e á xuventude, a xestión social do patrimonio e do medio ambiente e a dinamización cultural do municipio. A programación combina o xogo con actividades creativas, culturais e de coñecemento do entorno próximo, desde unha pedagoxía do lecer baseada na educación en igualdade e na promoción de hábitos saudables.

A actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos escolarizados nas etapas de Educación Infantil e Educación Primaria. O programa desenvolverase nas instalacións do CEIP As Veigas de Ponteareas. As quendas de participación corresponderanse cos días laborais comprendidos entre o 30 e o 31 de marzo e o 1 e o 6 de abril de 2026, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Con esta iniciativa, o Concello de Ponteareas continúa a apostar por políticas educativas e sociais que contribúan ao benestar das familias e ao desenvolvemento educativo e social da infancia.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.