A Cañiza | O Concello da Cañiza celebra unha nova edición do Cocido Cañicense, que chega á súa sexta tempada como un dos eventos máis destacados do outono.
O Alcalde Luis Piña presentou esta mañá no restaurante Os do Resero, a nova tempada acompañado da Concelleira Eva Rivas e do Alcalde de O Carballiño, Francisco Fumega, e o Alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, nun acto que destaca a cooperación institucional e a importancia da gastronomía como eixo de promoción turística.
Durante a semana do 27 de outubro ao 2 de novembro, a hostalería local servirá o tradicional cocido cañicense, un prato que forma parte da identidade culinaria da vila e que se pode degustar todo o ano, especialmente na época do frío.
“O tempo de frío é tempo de cocido”, lembrou o Alcalde, poñendo en valor o esforzo e a implicación dos hostaleiros e adegas locais.
O cocido é parte esencial da identidade culinaria da Cañiza. Un prato que mantén vivo o espírito da cociña tradicional galega, elaborado de maneira artesanal con produtos da terra e o coidado propio das receitas de sempre. Cada plato fala de historia, das familias e da trasmisión desta tradición culinaria de xeración en xeración.O Cocido Cañicense é unha mostra desta cociña, preparado con chourizos de cebola e de carne, fuciño, rabo, orella, cacheira, lacón, touciño, costela, pito, carne de vacún, patacas, fabas, garavanzos, cenorias e verdura ou repolo.
Acompáñase de caldo servido en tazón, sobremesa de arroz con leite ou leite frita e cafés, todo maridado cos viños da D.O. Rías Baixas das adegas locais Eido da Fonte e Abelán.
Na presentación, o Alcalde destacou a necesidade de reservar mesa con antelación nos establecementos adheridos a esta semana promocional:Os do Resero, Eido do Monte, Arela, Hammond, Chiringuito da Avoa, Xamonería Xatomé, Área de Servizo, Bar Piri Piri, Casa Eligio e O Noso Bar.
Este ano tamén se mantén a iniciativa da tempada 2024 de agasallar a cada comensal que goce dun menú de cocido nesta semana promocional, cunha rifa para participar no sorteo de 30 noites de hotel para dúas persoas nos establecementos do municipio.
O sorteo celebrarase o 14 de novembro, unha iniciativa coa que o Concello quere recoñecer a fidelidade dos visitantes e impulsar o turismo de proximidade.
“Queremos que o Cocido Cañicense sexa tamén unha oportunidade para descubrir A Cañiza, a súa gastronomía, as súas adegas e as súas rutas de sendeirismo, que nesta época do ano acadan unha beleza especial”.
Na presentación o Alcalde Luis Piña agradeceu a presenza dos seus homólogos e puxo en valor a cooperación institucional que une a A Cañiza, O Carballiño e Tui, tres concellos que comparten compromiso coa promoción do territorio e co mantemento das súas tradicións, tanto gastronómicas como relixiosas e culturais.
O Alcalde destacou tamén as semellanzas entre A Cañiza e O Carballiño, dous concellos pioneiros na promoción do turismo gastronómico a través das súas coñecidas festas do Xamón e do Polbo, celebradas tradicionalmente en agosto, e agradeceu a primeira visita institucional do Alcalde de Tui.
Intervención do Alcalde de O Carballiño, Francisco Fumega: “Quero felicitar, un ano máis, ao Concello por esta iniciativa emprendedora e impulsora da economía local a través da súa gastronomía. Animo tamén ao alcalde, Luis Piña, a continuar traballando nesta liña de promoción dos nosos produtos locais, que son un orgullo para toda a veciñanza e un motor fundamental para o desenvolvemento do noso municipio.”
Intervención do Alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro: “Agradezco ao alcalde Luis Piña por darme a oportunidade de participar nesta presentación. Os alcaldes temos o deber de promocionar os nosos territorios e debemos colaborar e complementarnos e ésta é unha excelente oportunidade para amosar esa cooperación entre concellos e poñer en valor o que nos une.”
Para pechar o acto, o Alcalde da Cañiza expresou o seu agradecemento aos hostaleiros, adegas e veciños que fan posible cada ano esta iniciativa: “Grazas a todos os que colaboran para manter viva esta tradición. O Cocido Cañicense é máis ca un prato: é unha maneira de celebrar o noso, de compartir mesa e de atraer visitantes á nosa vila. Invitamos a todos e todas a achegarse á Cañiza e a gozar desta nova tempada que comeza o vindeiro 27 de outubro.”
Exposición “Soberanía Alimentaria”
A Casa de Cultura da Cañiza acolle desde onte a exposición fotográfica “Soberanía Alimentaria”. Unha mostra que permanecerá aberta ao público ata o 31 de outubro, en horario de 10h a 21h, e que pon o foco no papel esencial das mulleres rurais na sustentabilidade, na economía local e na preservación dos saberes tradicionais vencellados á terra.
Na inauguración, o Alcalde agradeceu a colaboración de todas as entidades implicadas e subliñou a importancia de acoller na Cañiza unha mostra deste alcance: “É un orgullo poder ofrecer un espazo para reflexionar sobre a relación entre a muller, a terra e a sustentabilidade. Esta exposición é un exemplo de como a cultura pode ser tamén unha ferramenta de transformación social. A Cañiza sempre estará aberta a iniciativas que unan arte, memoria e compromiso co territorio.”
Grazas á EuroEume, o Centro de Desenvolvemento Rural Ancares, a Fundación Eomaia, Terra e Xente, Proxecto Luneda Activa, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia.
A chegada da exposición “Soberanía Alimentaria” á Cañiza foi posible grazas ao impulso da Fundación Eomaia, que propuxo ao Concello acoller esta mostra itinerante tras o seu paso por outros municipios galegos.
Segundo explicou Lucía González Vicente, presidenta da Fundación, a entidade leva meses traballando para achegar o proxecto “Enraizadas” a distintos territorios rurais, buscando espazos nos que a reflexión sobre o papel da muller e a soberanía alimentaria teña unha conexión real coa comunidade.
Lucía salientou que a mostra é “un recoñecemento ao papel das mulleres como gardiás da terra, pola súa capacidade de decisión, a súa forza creadora e o seu compromiso coa sustentabilidade”, e que combina fotografía, vídeo e actividades formativas para fortalecer a identidade rural e o vínculo co territorio.
Engadiu que a exposición pretende recuperar a mirada sobre o medio rural como espazo de vida, cultura e memoria compartida, reivindicando a igualdade e a soberanía como base dun futuro máis xusto e equilibrado.
As fotografías que integran a exposición proceden de diversos fondos e arquivos fotográficos galegos, entre eles a Biblioteca Pública Municipal de Pontedeume “Poeta Ramiro Fonte”, o Arquivo persoal de Antonio M. Leira Noche, a Agrupación Instructiva de Caamouco, o Fondo Documental Fondo do Eume, o Arquivo do Reino de Galicia, a Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado e o Museo Etnográfico da Capela.
A través destas imaxes, o público pode achegarse á memoria visual do traballo das mulleres no rural galego, ao seu esforzo colectivo e ao seu papel central na soberanía alimentaria.