Voluntariado ambiental no Monte Trega

Organizado pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Guarda

A Guarda | Este sábado 14 de xuño, de 16:00 a 19:00 horas, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Guarda (CMMVVMC) convída á veciñanza de A Guarda a participar nunha xornada de voluntariado ambiental na zona da Bouza, unha das principais portas de entrada ao Monte Trega, utilizada cada día por ducias de persoas que ascenden a pé para gozar do noso monte.

A actividade consistirá na eliminación de especies exóticas invasoras, como a acacia, o eucalipto e a crocosmia. Esta acción permitirá recuperar o bosque autóctono que resiste baixo estas especies invasoras: carballos, castiñeiros e sanguiños que, pouco a pouco, van gañando terreo para dar a benvida a todas as persoas que se achegan ao Trega.

O punto de encontro será no Parque do Cancelón, e as persoas participantes deberán traer luvas, roupa e calzado axeitado, así como ferramenta manual (machadas, serras ou tesoiras). Ao rematar a xornada, haberá un momento de convivencia con música, petiscos e bebidas para todas as persoas voluntarias.

A actividade está organizada pola CMMVVMC da Guarda, coa colaboración da asociación A Jalleira, e conta cun obxectivo claro: protexer, recuperar e poñer en valor o monte comunal.

Por razóns de seguridade, non está permitida a asistencia con mascotas. A actividade conta cun seguro de responsabilidade civil, polo que todas as persoas participantes estarán cubertas durante a xornada. Contacto e inscrición: 634 121 984 | montedaguarda@gmail.com.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.