Volta ao “cole”.

Comeza un novo ano político. Como se da ‘volta ao cole’ se tratase, e tras un verán de calor, sequía e incendios, o establishment político español apréstase a asumir este test político marcado polo horizonte electoral 2023 con municipais (en maio) e xerais (a priori en novembro).

Cómo chega cada actor político a esta “volta ao cole”? Nun panorama determinado polas candidaturas electorais e os equilibrios políticos, non se asoman expectativas de cambios bruscos nin adiantos electorais. Prima a necesidade imperiosa por conservar, como sexa, a estabilidade política, tal e como o desexa unha Europa que observa desafíos estratéxicos xeopolíticos (guerra na Ucraína), enerxéticos (subministros de Rusia e Alxeria) pero tamén políticos.

Vexamos. Italia definirá novo goberno o vindeiro 25 de setembro cunha extrema dereita en alza (Giorgia Meloni) O “motor da UE”, Alemaña, vese politicamente estancando. Ante esta ausencia alemá, e coma se dunha especie de “sucesor de Merkel” se tratase, o presidente francés Macron toma a iniciativa nun clima continentalmente polarizado. A Gran Bretaña do Brexit busca a sucesión do excéntrico ex primeiro ministro Boris Johnson baixo un clima de desconfianza. E novos membros da OTAN (Finlandia) vense sacudidos por escándalos políticos “surrealistas”.

Pero volvamos á “volta ao cole” en España e cómo aborda este ciclo cada actor político. Comecemos polo principal partido de goberno, o PSOE. Observamos que Pedro Sánchez vive probablemente o seu mellor momento político. O comezo do ano lexislativo o pasado 25 de agosto, o último desta lexislatura iniciada en xaneiro de 2020, da a entender a solidez do equipo de goberno unha vez fora aprobado o seu decreto do plan enerxético e unha importante batería lexislativa.

“Pedro Sánchez vive probablemente o seu mellor momento político”

Sánchez vese tamén activo en materia exterior. Co ‘espaldarazo’ do cumio da OTAN de Madrid, o presidente de goberno realizou unha estratéxica xira balcánica co aval de Bruxelas e tamén por unha América Latina que volve a xirar á esquerda progresista (Chile, Colombia e a posibilidade do retorno de Lula en Brasil) . Todo isto sen perder de vista o “mid-term” lexislativo de novembro en EE.UU, un test político para o seu “amigo” Biden toda vez volve a asomarse a figura de Trump co horizonte 2024.

Así, Sánchez semella afrontar con garantías esta nova fase ante o aparente tsunami político en cernes que diversas enquisas, monopolizadas algunhas polos poderes fácticos de sempre, traducen como posibles cambios políticos á dereita (Feijóo, VOX) ou á esquerda (Yolanda Díaz)

Sigamos co socio de Sánchez na coalición da Moncloa, Unidas Podemos (UP). Os “morados” tentan definir o seu futuro mirando de reollo a candidatura da vicepresidenta Yolanda Díaz (“Sumar”) e os vaivéns do contexto “post-Pablo Iglesias” que, ata o momento, non decide unha candidatura unitaria de consensos.  O ‘factor Díaz’ é un reto para Sánchez e UP pero tamén para a oposición. A ferrolá sabe que ten nas súas mans unha chave decisiva de cara a este electoral 2023.

“O ‘factor Díaz’ é un reto para Sánchez e UP pero tamén para a oposición”

Pasemos á oposición. Existe unha visible operación mediática e ‘cosmética’ para erixir ao “PP de Feijóo” como a alternativa viable para “derrubar” a coalición PSOE-UP. Pero Feijóo navega en augas turbulentas motivadas, en gran medida, polas súas ambigüidades. O dos Peares calcula unha aposta polo “centrismo” toda vez vese seducido en radicalizar o clima político contra Sánchez. Así mesmo, ‘cortexa’ a VOX en goberno autonómicos (Madrid, Castela-León, Andalucía) mentres busca cómo manexar un “ayusismo” que se nega a pregar bandeiras e que tenta, por tódolos medios, recuperar a iniciativa.

Así, Feijóo comeza a entender que Madrid non é Galicia, que as maiorías absolutas requiren tamén de consensos, de delicados equilibrios e de maior tacto político. Curioso: no camiño da Moncloa 2023, Galicia ten presenza (Feijóo e Díaz), sempre tamén observando o que poida ocorrer coas autonómicas “post-Feijóo” de 2024, onde existen expectativas dun posible cambio de rumbo na Xunta de Galicia.

“Feijóo comeza a entender que Madrid non é Galicia”

Do resto do panorama político, pouco que engadir. EH Bildu, PNV, ERC e Máis País equilibran os seus intereses entre Sánchez e Díaz coa perspectiva de evitar unha coalición de dereitas Feijóo-VOX.

O procés catalán pasa probablemente polas súas horas máis baixas pero tampouco está morto: dependerá tamén dos equilibrios políticos e dos resultados das municipais de maio para ver cómo relanzarse. Finalmente, Ciudadanos (Cs) segue no seu labirinto existencial, mediatizado entre os seus apoios ao PP e VOX e a súa cada vez máis evidente irrelevancia política.

“O procés catalán pasa polas súas horas máis baixas pero tampouco está morto”

Esta ‘volta ao cole’ político terá tamén como prioridade acometer o peso dunha crise económica e enerxética sen esquecer as tensións xeopolíticas globais (Ucraína, Taiwán) Escenarios que obrigarían tentativamente a un aggiornamento circunstancial entre Sánchez e Feijóo, vía Pactos de Estado (como desexa Bruxelas) pero á espera do que depare o calendario electoral, sempre determinado por fixar estratexias máis polarizadoras e confrontativas.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.