Vodas de prata na Casa do Patrón

Coa execución do singular evento “Unha Aldea no Nadal”

Lalín | A Casa do Patrón acada con brillantez as súas vodas de prata, que non puido celebrar o ano pasado por mor da pandemia, poñendo o broche de ouro coa execución do singular evento “Unha Aldea no Nadal” a outro ano (e xa van 26) cheo de intensa actividade, período no que ademais do traballo habitual de recuperación, restauración e conservación de apeiros; estudo, recuperación e difusión do patrimonio material e inmaterial da zona, materializado na edición de 18 libros, 5 vídeos e un documental de longa duración, xunto coa atención de milleiros de visitantes e nenos de colexios galegos, levamos a cabo múltiples eventos e actividades, entre os que cumpre destacar:

* Conseguimos a catalogación de Festa de Interese Turístico de Galicia para a nosa Malla Tradicional, que non é doado, e menos para unha Entidade de carácter privado dunha pequena aldea, que constitúe un recoñecemento público e notorio dos nosos 23 anos de esforzo continuado para organizar este fermosa actividade, da que celebramos a XXIII edición, cun programa excepcional e gran éxito de participación e asistencia de público.

* Organizamos no Museo, en colaboración coa prestixiosa Fundación Juana de Vega un Seminario Internacional do Patrimonio Rural da Paisaxe do castro de Doade e súa contorna, de 4 xornadas completas de duración, dende o 4 ao 7 de maio.

* Editamos 200 catálogos actualizados de gran formato do Museo, para a súa distribución en colexios, asociacións e axencias de viaxe.

* Procedemos á edición dun Manual de Obradoiros Educativos, que constitúe a base teórica para os talleres prácticos dos colexios que nos visitan.

*Realizamos á 3ª edición ampliada e actualizada do libro “A Casa do Patrón, o gran Ecomuseo do mundo rural galego”, que contén toda a información da historia, contido e actividades da Casa do Patrón.

*Promovemos o libro de 292 páxinas “Pola graza de Deus, a relixiosidade popular en Galicia, escrito polo antropólogo Rafael Quintía Pereira, unha gran obra que detalla dun xeito maxistral os principais ritos e crenzas relixiosas existentes en Galicia ao longo da historia e tamén explica a exposición “Líbranos do mal”, no interior da nosa capela.

*Edición dun caderno de 48 páxinas sobre “O Entroido de Doade. Lembranza dun Entroido tradicional de Lalín, tamén escrito polo Sr. Quintía.

* Organizamos, xunto coa empresa Eduvía Xestión Cultural e Lecer,S.L. un campo internacional de voluntariado da Xunta de Galicia, encargándonos das xornadas etnográficas e arqueolóxicas do mesmo.

*Organizamos o programa multidisciplinar “Viaxe á Prehistoria, unha aventura inmersiva na procura das nosas orixes”, acollido ao programa TeCe Redes da SXPL, composto por 8 actividades, que integra obradoiros de arqueoloxía experimental, creación artística, actividades divulgativas sobre o patrimonio oral galego e outras actividades de culturais e de lecer nas que o papel da nosa lingua é o protagonista para crear novos ámbitos de socialización en galego

* Deseñamos e realizamos o programa “O Camiño dos sentidos e dos saberes” ao abeiro da liña de axudas O Teu Xacobeo da Axencia de Turismo de Galicia, composto por un total de 14 actividades no Museo e a súa contorna, así como na Vía da Prata e o Camiño de Inverno, que atravesan a Comarca. Inclúe actividades artísticas, teatro e narración oral, actuacións musicais, obradoiros de música tradicional, de cine etnográfico, exposicións e tamén actividades de sensibilización e coñecemento do medio ambiente e de fomento da vida saudable así como de integración das persoas.

* Executamos a XIV Recreación do proceso do liño, cunha completa exposición temporal no Museo de roupas de liño e lá.

* Montamos e inauguramos unha nova sala de exposición permanente sobre o xeito de vida nos nosos castros no interior da casa castrexa existente no Museo.

* Executamos a restauración integral do Muíño de Entre Ríos, en serio perigo de derrube, deixándoo en perfecto funcionamento. Este muíño, xunto co Muíño da Ponte, xa foran salvados do seu estado ruinoso polo Museo no ano 2002.

* Acondicionamos a contorna da Capela do Museo en Codeseda.

* Participamos activamente na teoría e na práctica do seminario de “Aproximación á cultura castrexa, da aula da UNED en Lalín, Entidade coa que ademais asinamos un convenio plurianual de colaboración.

Agradecemos a colaboración da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Concello de Lalín, veciños do lugar e da parroquia, colaboradores e amigos que, xunto co grandísimo traballo levado a cabo con tanto mimo polo equipo da Casa do Patrón, fixeron posible a existencia e a traxectoria exemplar deste gran Ecomuseo durante case tres décadas, ata converterse no que é hoxe, todo un referente da cultura e do turismo, non só en Lalín e na Comarca de Deza, senón en toda Galicia.

Vaia dende aquí un emocionado recordo para os veciños, amigos e colaboradores da Casa do Patrón que se foron quedando polo camiño ao longo da nosa andaina, aos que sempre teremos na nosa memoria polo traballo, ilusión, cariño e apoio que nos dedicaron para facer que este soño colectivo se convertera nunha espléndida realidade, que trataremos por todos os medios de transmitirlle multiplicada ás vindeiras xeracións.

Continuaremos con ánimos renovados no vindeiro ano. Bo Nadal e venturoso 2023!

Por Manuel Blanco Villar