Vixésimo aniversario do festival Play-Doc de Tui

Esta edición conmemorativa renderá tributo a William Friedkin

Tui | Do 1 ao 5 de maio, Play-Doc, o festival internacional de cinema con sede en Tui, Galicia, celebrará unha longa traxectoria que se destaca por presentar primeiras retrospectivas dedicadas a aclamados cineastas e directores de culto. Pero tamén, e moi especialmente, polo redescubrimento de filmografías esquecidas, ignoradas ou que ata o de agora permaneceron descoñecidas na historia do cinema universal.

Os lendarios Albert Maysles, Charles Burnett, Artavazd Pelechian, Bette Gordonou Kidlat Tahimik, entre moitos outros, acudiron á histórica localidade galega para presentar as súas películas en persoa a unha audiencia ampla, entusiasta e diversa. Así mesmo este festival independente vén reivindicado a obra de nomes como Danny Lyon, Nicolás Guillén Landrián, Ozualdo R. Candeias, Aravindan Govindan ou Luigi Dei Gianni. Destacan tamén a primeira presentación mundial da obra restaurada de cineastas tan particulares como António Campos ou a presentación internacional das primeiras imaxes filmadas pola celebrada Chantal Akerman.

Este interese por tentar reaxustar, compensar e expandir a historia do cinema, compaxínase cada ano cunha selección curada de películas que representan as novas tendencias do cinema máis contemporáneo, con especial énfase no cinema galego. Ademais, Play-Doc tamén organiza seminarios, clases maxistrais, concertos de música en directo, sesións de cinema expandido ou exposicións de arte, e conta tamén con actividades de industria como a nova plataforma de formación profesional, desenvolvemento de proxectos e foro de coprodución internacional VENTURA.

Nesta nova edición, Play-Doc ofrecerá unha programación coherente co seu singular carácter e tamén coa súa evolución ao longo de todos estes anos, na que abundan as presentacións inéditas e os descubrimentos.

Como avance da programación que se irá desvelando nas próximas semanas, Play-Doc anuncia unha retrospectiva dedicada a William Friedkin (1935-2023), un dos realizadores máis influentes de todos os tempos e autor dalgunhas das películas máis emblemáticas do cinema contemporáneo, cuxos orixes como cineasta estiveron ligados ao cinema documental.

William Friedkin: na intersección entre a realidade e a ficción
William Friedkin mostrou un interese constante no poder do documental como forma de expresión cinematográfica. Ao longo da súa carreira, Friedkin explorou a intersección entre a realidade e a ficción, desafiando os límites convencionais do cinema narrativo. O seu enfoque no realismo e a autenticidade reflíctese tanto nas súas películas de ficción como nas súas incursións no documental, en películas como The People v. Paul Crump, The Bold Men e Mayhem on a Sunday Afternoon, que dirixiu a principios dos anos 60.

Neses filmes Friedkin abordou o documental coa mesma intensidade e atención ao detalle que levaría logo ao seu traballo na dirección de longametraxes de ficción, utilizando esta forma artística para investigar temas sociais, explorar a condición humana e desafiar as percepcións do espectador sobre a verdade e a realidade.

O percorrido pola filmografía de Friedkin –que faleceu o 7 de agosto de 2023– comeza con The French Connection de 1971, unha obra que redefiniu o relato policial e estableceu un ton seco, duro e realista para o xénero na década dos anos 70. Continúa logo con The Exorcist de 1973, unha película que transcendeu o xénero de terror para converterse nunha icona cultural, explorando temas de fe e posesión dunha maneira que segue ecoando na audiencia ata a actualidade.

A retrospectiva tamén inclúe Sorcerer de 1977, unha odisea épica de supervivencia e redención que mostra a habilidade de Friedkin para crear tensión visceral con elementos puramente cinematográficos. En Cruising, de 1980, o director penetra no submundo escuro de Nova York cunha película polémica que explora as zonas máis perturbadoras da psique humana. To Live and Die in L.A. de 1985, en tanto, continúa o percorrido polo mellor da súa obra. Trátase dun retrato sen concesións centrado na corrupción e a obsesión. Para pechar verase o documental Conversation with Fritz Lang, de 1975, que ofrece unha xanela fascinante ao mundo creativo do lendario cineasta alemán visto a través dos ollos expertos de Friedkin.

Como un evento especial dentro da retrospectiva proxectarase The Exorcist nunha histórica igrexa de Tui. Esta elección engade unha capa adicional de atmosfera á experiencia e reflicte a profundidade temática e espiritual da película, ofrecendo aos espectadores unha oportunidade para mergullarse na súa intensidade e o seu misterio nunha contorna excepcional.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.