Vintecatro anos de Xantar en Expourense

Como novidade o acceso será completamente gratuíto este novembro

Ourense | Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, celebrarase este ano entre o 2 e o 5 de novembro de 2023, servindo de punto de partida dun mes de festa, tradición e gastronomía na provincia de Ourense coa celebración do Magosto.

Xantar continuará sendo o gran escaparate para promocionar a calidade enogastronómica de Galicia e un exemplo de cooperación público-privada na que están implicadas as distintas administracións (local, provincial e autonómica) e empresas galegas punteiras do sector agroalimentario e servizos. Este ano o salón terá un día menos de duración e como novidade o acceso será completamente gratuíto.

Esta cita é o perfecto reclamo para que os visitantes veñan a Ourense a participar no salón en Expourense, pero despois visiten a cidade, coñezan o seu comercio local, a capital da moda e a súa oferta hostaleira, pernoiten nela, gozar das termas e magostos. Haberá paquetes turísticos especiais para atraer a Ourense aos habitantes do “eixo AVE” sen esquecernos dos do resto de Galicia e, por suposto, de Portugal.

A gastronomía, a segunda motivación pola que o turista elixe Galicia, e o Camiño de Santiago son dous dos grandes atractivos para visitar a nosa comunidade. Xantar posiciónase como un excelente lugar para conxugar ambas as dúas, promocionando así internacionalmente a enogastronomía de calidade no Roteiro Xacobeo.

O Xacobeo 21-22 foi un gran empuxón para o turismo en Galicia e pechou cuns datos excelentes. Dende Xantar queren aproveitar ese tirón e seguir traballando para que Galicia sexa sendo meta do peregrino, pero tamén destino final do viaxeiro que busca turismo activo, deportivo, cultural, familiar, de saúde e enogastronómico.

Xantar 2023 volverá á orixe e servirá de punto de encontro das máis de 300 festas gastronómicas de Galicia que poderán presentar e convidar o público ás súas edicións para o ano seguinte. Destas festas xurdiu o termo “turismo gastronómico”, axuntando produto e territorio, que é o que leva facendo Xantar desde hai 24 anos. Produto, territorio e, tamén, calidade, xa que moitos dos protagonistas das festas galegas están recoñecidos con selos como a Denominación de Orixe ou a Indicación Xeográfica Protexida.