Vinis Terrae presenta en Expourense o viño galego de calidade a compradores de 23 países

Os días 5 e 6 de xuño e contará coa participación de 64 expositores

Ourense | Ourense Vinis Terrae celebrarase os 5 e 6 de xuño consolidado como o único salón exclusivamente profesional e destinado aos viños autóctonos. De carácter bienal, o Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade celebrará a súa décima edición que contará coa participación de importadores e compradores de 23 países que terán a oportunidade de coñecer as últimas anadas de adegas expositoras, todas elas adscritas ás cinco Denominacións de Orixe presentes, sendo 4 delas da provincia de Ourense (Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra, Valdeorras).

A estas únense a D.Ou. Rías Baixas, o Consello Regulador de Licores e Augardentes de Galicia e as IXP de Viños de Galicia como Val do Miño e Barbanza e Iria. Esta edición contará coa participación de 64 expositores entre os que poden atoparse adegas e consellos reguladores e unha caseta da Agrupación industrial de Turismo de Galicia que promociona os distintos roteiros do viño galegas.

Os datos de participación desta nova edición de Ouernse Vinis Terrae foron presentados esta mañá en rolda de prensa nun acto no que participaron o delegado territorial da Xunta de Galicia e presidente do comité executivo de Expourense, Gabriel Alén; o director xeral de AGACAL, José Luis Cabarcos; a xerente do Inorde, Emma González, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.

Durante este acto se destacó que Ourense Vinis Terrae converteuse nunha ferramenta de internacionalización ao servizo das pequenas e medianas empresas galegas, facilitando a exportación a mercados aos que resultaría máis complicado acceder polas canles habituais.

O contacto directo entre os produtores (na maior parte dos casos microempresas) e os importadores, xera novas oportunidades no mercado exterior. Esta nova edición do salón abrirá aos viticultores novos canles de mercado máis aló do canle HORECA e contribuirá á internacionalización dun sector punteiro con gran arraigamento en Ourense e Galicia posicionando o seu patrimonio varietal. Participan nesta edición desde adegas de pequenos produtores ou “colleiteiros” ata grandes grupos adegueiros como é o caso do Grupo Matarromera, que acode a Ourense Vinis Terrae coas tres adegas que posúe en Galicia.

Este salón pon en contacto directo aos 64 expositores con importadores procedentes de 22 países (Alemaña, Bélxica, Brasil, Costa Rica, Dinamarca, España, Estados Unidos, Estonia, Filipinas, Finlandia, Guinea Ecuatorial, Irlanda, Italia, Lituania, México, Noruega, Países Baixos, Panamá, Polonia, Portugal, Reino Unido, Suecia e Suíza). O salón conta cun alto índice de fidelidade, xa que o 80% das adegas repiten participación nesta cita e o 20% farano por primeira vez.

Programa de actividades
Ourense Vinis Terrae é unha cita carácter profesional que conta cun completo programa de actividades orientadas promover a calidade dos viños e licores e as variedades de uva autóctonas de Galicia. Ademais de coñecer as últimas colleitas das adegas galegas, os profesionais do sector do viño, a distribución e da hostalería que visiten Ourense Vinis Terrae terán a oportunidade de participar nalgunha das actividades previstas.

O programa de actividades dentro da propia celebración de Ourense Vinis Terrae inclúe como é habitual as catas comentadas nas que se analizarán os viños, brancos e tintos, cos “Acios de Ouro” e tamén os licores e augardentes premiadas co “Pote de Ouro e Prata” nas Catas oficiais de Galicia 2022 que organiza a Axencia Galega de Calidade Alimentaria – Agacal. Estas catas poderán seguirse en castelán ou inglés.

O programa de actividades complétase coa celebración da III Cata Extraordinaria Ourense Vinis Terrae na que participarán os viños das adegas expositoras no salón. Esta cata contará cun xurado profesional no que participarán representantes das asociacións enólogos, catadoras e catadores de distintas partes de España. Entre as novidades que presentará esta cita en 2023 o Primeiro Concurso “Coñece os nosos viños”, unha cata cega por equipos dirixida exclusivamente a profesionais do sector do viño e que se disputará o luns 5 de xuño pola mañá.

No relativo ás actividades dirixidas a adegas, Ourense Vinis Terrae 2023 acollerá a presentación da Plataforma Tecnolóxica do Viño (PTV), asociación que aposta pola Innovación como motor da competitividade do sector vitivinícola, nacional e europeo e que conta na actualidade con máis de 200 socios en todo o país. A presentación correrá a cargo do presidente da PTV e do Grupo Matarromera, Carlos Mouro, e contará coa presenza do Conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González, que presidirá ademais o acto inaugural da feira previsto para o luns 5 de xuño ás 11.45 h.

Doutra banda, impartirase tamén unha xornada sobre sustentabilidade e viticultura que abordará a xestión da pegada de carbono nas adegas a cargo da empresa AirCo2. Ademais, como é habitual, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia – EVEGA, aproveitará a celebración do salón para presentar o seu último monográfico, o número 11, dedicado nesta ocasión á “Sintomatoloxía das enfermidades do viñedo galego en imaxes”.

Túnel do Viño e Licores e Augardentes
Esta edición de Ourense Vinis Terrae volverá contar cun Túnel do Viño e Licores e Augardentes, un escaparate que ofrecerá a visitantes e a expositores un espazo no que se expoñerán 116 referencias de todas as denominacións de orixe de Galicia. O obxectivo é que os profesionais poidan coñecer os distintos viños presentes e, desta forma, os compradores terán a posibilidade de coñecer un maior número de referencias, ademais das que xa coñecerán a través da súa axenda de citas. A participación nesta feira facilitará aos visitantes profesionais convidados en calidade de “hosted buyers” o coñecemento das zonas produtivas. Nesta ocasión, os compradores visitarán unha adega e plantación da Denominación de Orixe Monterrei.