Vila Verde: punto de encontro da Vía Mariana Luso Galaica e do Camiño Portugués de Santiago

Continuidade da peregrinación dende o Sameiro de Braga pola Câmara Municipal de Vila Verde
Santuario da Nossa Senhora do Alívio en Soutelo (Vila Verde)

Vila Verde | A ruta da Vía Mariana Luso Galaica iniciada no Santuario do Sameiro en Braga ten unha inmediata continuidade na súa traxectoria polo municipio de Vila Verde. Esta condición lle confire a este municipio unha importancia capital destro desta vía mariana.

A Câmara Municipal de Vila Verde conta con 47.888 habitantes nas súas 33 freguesías e unha extensión territorial de 228,7 km2. Está localizada na Região Norte de Portugal, Distrito de Braga, no corazón da Provincia do Minho. A súa localización está delimitada pola proximidade cara Galicia e ás montañas da Serra do Gerês e a Costa Marítima.

A riqueza do patrimonio arqueolóxico, arquitectónico, natural, etnolóxico, relixioso e de cultura popular de Vila Verde é unha expresión que reforza a súa singularidade e beleza.
Esta riqueza ven determinada pola notoria presenza de igrexas, santuarios, capelas, cruzeiros e alminhas (petos de ánimas). Outorga así relevancia aos pobos de montaña, testemuñas históricas dende a Prehistoria e o pasado romano e que están presentes no patrimonio arquitectónico da vila.

A Vía Mariana en Vila Verde
No relativo á Via Mariana, Vila Verde é ruta de paso que entronca co Caminho Português de Santiago. Son en total 30 km km de ruta deste camiño que pasan por este Concelho. Polo tanto, Vila Verde é un paso estratéxico para a continuidade da ruta de peregrinación da Vía Mariana Luso Galaica, visible e correctamente identificada na súa sinalización viaria.

“Esta ruta en Vila Verde comeza na Vila de Prado e prosigue ata Goães, onde atopamos o Albergue de Peregrinos de Santo Pedro de Goães, así como a Vía Romana e a Ponte Medieval”

Esta ruta en Vila Verde comeza na Vila de Prado e prosigue ata Goães, onde atopamos o Albergue de Peregrinos de Santo Pedro de Goães, así como a Vía Romana e a Ponte Medieval.

Ponte medieval en Prado.

É este un lugar de repouso célebre pola súa arquitectura típica da rexión do Minho, na que se mesturan a paisaxe bucólica, cosmopolita, pintoresca e rústica tipicamente minhota. Define así un camiño percorrido por millares de persoas, con diversos mercados pequenos e fontes de auga abundantes gracias á presenza de ríos que permiten refrescar a travesía.

Continúa a Vía Mariana pola Ponte Filipina, sendo a entrada do Camiño Portugués de Santiago, e que contempla un dos seus mais emblemáticos monumentos filipinos portugueses: a Ponte Filipina. Ésta transporta ao peregrino ata o Largo e o Pelourinho. O lugar conta con as Capelas de Santo Amaro e São Tiago, que conservan a antigüidade da súa arte sacra.

Atopamos nesta vía a Lage, que conta cun antigo hospital que serviu de asistencia para peregrinos. Este camiño está dominado por un entroncamento no que destacan a Quinta da Raiva e a Quinta da Miséria. A riqueza etnográfica, os seus pozos e espigueiros dan beleza a este camiño. Aquí podemos facer un desvío para a freguesía de Soutelo, onde está o Santuario da Nossa Senhora do Alívio (en percurso de sinalización)

Continuamos pola freguesía de Moure. Atópanse aquí varias iconas célebres do Concelho de Vila Verde. Dentro desta riqueza histórica e arquitectónica da Vía Mariana no seu paso por Vila Verde destacan a Torre de Penegate (medieval) e a Capela da Nossa Senhora da Pena, en Carreiras de São Miguel. Seguimos en dirección a Portela das Cabras, coa súa igrexa e a fonte da carranca. Esta localidade de Portela das Cabras foi a sede do antigo concelho de Penela, extinto a mediados do século XIX.

Seguimos pola freguesía de Duas Igrejas, terra que acolliu ao grande poeta Francisco de Sá Miranda, durante mais de vinte anos. Na freguesía de Pedregais atopamos unha igrexa de estilo románico, continuando para Godinhaços, coa súa Capela de Santo António, así como a igrexa e cruzeiros, acompañados pola marabillosa extensión do Río Neiva. Segue a ruta por São Miguel O Anjo, unha capela localizada no alto do monte que é un dos puntos mais elevados de Vila Verde; e Atães, cun importante comercio local e que conta tamén coa Igrexa Parroquial e a Capela de Santo Amaro, Cruzeiros e Alminhas.

O poeta Francisco de Sá Miranda.

Na ruta mariana destaca tamén a Igreja da Nossa Senhora de Assunção de Aboim da Nóbrega, que ten a súa festa de conmemoración cada 15 de agosto, un acontecemento de importancia relixiosa e cultural para a vila. Outras festividades relixiosas existentes en Vila Verde son as de Santo António Mixões da Terra, Santo António de Vila Verde, Santo Sebastião en Vila de Prado e Santo Amaro de Atães.

A riqueza natural vilaverdense
A presenza dos ríos Cávado, Homem, Vade e Neiva e as súas praias fluviais (Malheira, Ponte Nova e Faial) en Vila Verde son ideais para as actividades deportivas como o piragüísmo, as canoas, o kayak e a pesca esportiva, que reforzan a beleza natural da paisaxe rural de Vila Verde.

“A presenza dos ríos Cávado, Homem, Vade e Neiva e as súas praias fluviais (Malheira, Ponte Nova e Faial) en Vila Verde (…) reforzan a beleza natural da paisaxe rural de Vila Verde”

Neste sentido, o río Neiva ten especial significado para a cultural local vilaverdense, toda vez o poeta Francisco de Sá de Miranda (1481-1558), considerado o introdutor do Renacemento literario en Portugal, alababa estas paisaxes como ponte de inspiración para os seus poemas.

Dentro desta riqueza natural vilaverdense destaca igualmente o Río Vade, que conta no seu extenso traxecto con paisaxes de igrexas, cruceiros e incluso unha armadilla de lobos. O río Vade é tamén un lugar privilexiado para o senderismo.

Outras actividades deportivas en Vila Verde, como a caza, a equitación e a pesca, vense posibilitadas pola existencia de clubes ecuestres, de caza e náuticos.

Apréciase tamén o Parque de Campismo existente na freguesía de Aboim da Nóbrega, entrando xa na ruta final da Vía Mariana no seu paso por Vila Verde. Este parque é tamén coñecido pola súa Rota de Mixões da Serra, ideal para actividades de BTT. O municipio conta tamén cunha rede de Casas de Turismo rural que permiten apreciar esa riqueza natural.

A gastronomía local e a produción vitivinícola son outras expresións da riqueza existente en Vila Verde. Nos sabores gastronómicos vilaverdenses destaca o pudim Abade de Priscos coñecido como Papa dos conzinheiros. A tradición gastronómica local vese igualmente apreciada por pratos típicos como o caldo verde, o pan de broa, as papas de sarrabulho, arroz de pato, cozido á portuguesa, arroz de frango “pica no chão”, o cabrito asado e a vitela.

Vila Verde na cultura popular minhota
Debe igualmente destacarse o valor engadido traducido polas feiras, eventos, romerías relixiosas e o acervo artesanal existente en Vila Verde, que afondan as súas raíces na cultura popular minhota.

“Dentro desta riqueza artesanal aprécianse os denominados Lenços dos Namorados, sentimentos de amor bordados en lino que preservan antigas técnicas artesanais vilaverdenses provenientes dos séculos XVII e XVIII”

Dentro desta riqueza artesanal aprécianse os denominados Lenços dos Namorados, sentimentos de amor bordados en lino que preservan antigas técnicas artesanais vilaverdenses provenientes dos séculos XVII e XVIII. Estes lenços de carácter decorativo foran adaptados pelas mulleres para conquistar aos seus namorados.

O barro e a cerámica son tamén expresións da cultura popular minhota vilaverdense que deran forma ao seu tecido socioeconómico. Nas freguesías de Cabanelas, Cervães, Vila de Prado e Oleiros atopamos un centro cerámico recoñecido desde o século XII.

A música popular minhota presente en Vila Verde é outro valor a destacar dentro da súa cultura popular, sendo considerada como a de maior riqueza dentro de Portugal. Mestura de alegría e vivacidade coa típica saudade, a música popular minhota en Vila Verde da conta dun folclore específico en cantares e danzas presentes en feiras e romarías, con ritmos como as chulas, as viras, os fandangos e o malhão, considerada a súa expresión musical mais popular.

“A música popular minhota presente en Vila Verde é outro valor a destacar dentro da súa cultura popular, sendo considerada como a de maior riqueza dentro de Portugal”

Tamén están as festas típicas da vila, con énfase na produción agrícola e artesanal. Destacan así a Feira dos Vinte de Janeiro (freguesía de Prado), Feira de Santo António (13 de xunho en Vila Verde), Festas das Colheitas (segunda semana de outubro en Vila Verde) e Feira do Mel ou de Santa Luzía.

A preservación do acervo cultural en Vila Verde está confirmado pola presenza de entidades como o Centro de Dinamización Artesanal, o Centro Interpretativo do Patrimonio Cultural de Vila Verde, o Museu do Linho, a Casa do Conhecemento, a Biblioteca Municipal, a Casa do Brinquedo e da Brincadeira e o Museo de Terras de Regalados (arte sacra).

A lenda do Dente-Santo e os vilaverdenses na I Guerra Mundial
Dentro do acervo cultural vilaverdense apreciamos tamén a Lenda do Dente-Santo, focalizada na localidade de Borges, na freguesía de Aboim da Nóbrega.

Esta lenda de riqueza histórica para a cultura local data de 1920, cando Manuel António Martins, entón de 54 anos, morador da freguesía de Aboim da Nóbrega, aseguraba posuir un “dente-santo” duns oitocentos anos de existencia, e que pertencera a São Frutuoso, abade de Costantim (Vila Real).

Conta a lenda que este “dente-santo” tiña poderes excepcionais para curar a raiva causada pola mordida do can afectado por esta enfermidade. A presenza da Fonte do Dente-Santo preserva igualmente a vixencia desta lenda.

Noutro apartado, Vila Verde ten tamén dimensión histórica a través dos seus combatentes que participaron na I Guerra Mundial. Para documentarse con material bibliográfico, recomendamos o libro do historiador e profesor Manuel Albino Penteado Neiva, titulado Vilaverdenses na I Guerra Mundial (1914-1918). Homenagem aos combatentes (Concelho de Vila Verde, 2017).

“Na I Guerra Mundial participaron un total de 395 combatentes vilaverdenses, enviados ás frontes bélicas de Flandres e Francia”

Monumento aos combatentes vilaverdenses na I Guerra Mundial.

Na I Guerra Mundial participaron un total de 395 combatentes vilaverdenses, enviados ás frontes bélicas de Flandres e Francia (301 en total) e para asegurar as defensas portuguesas en Angola (3 enviados) e Mozambique (92). Morreron un total de 61 vilaverdenses, 41 deles en Mozambique e 20 en combates militares en Francia. Uns 79 vilaverdenses foron aprisionados polas forzas alemás en enviados a diferentes campos de concentración.

En 1932 esculpiuse en Vila Verde un monumento de homenaxe aos combatentes, realizado polo arquitecto suizo Ernesto Korrodi. Posteriormente, en 2017, a Câmara Municipal de Vila Verde fixo a escultura en honor aos combatentes, cos nomes de cada un deles, e que está erixida na céntrica Alameda, moi próxima á actual sé da Câmara Municipal.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.