
Vigo | Organizado pola Zona Franca no Auditorio Mar de Vigo, a segunda edición do Vigo Global Summit celebrado os días 12 e 13 de novembro afirmou á cidade olívica como un foro de referencia para a reflexión e o debate sobre os cambios que están a acontecer a nivel mundial.
Esta edición 2025 contou con tres convidados de peso. Na sesión inaugural celebrada o 12 de novembro, o Premio Nobel da Paz 2021, o xornalista ruso Dmitri Muratov, reflexionou sobre o rexurdimento do fascismo, a súa presenza manipuladora en Internet e a “batalla” entre a “alianza de dictadores e a alianza das democracias”. Muratov asegurou que “nos países totalitarios, o Estado tomou control de Internet” toda vez aproveitou o momento para ensinar os retratos de disidentes rusos asesinados como Alexéi Navalny ou Alekséy Gorinov.
O segundo gran convidado foi o ex presidente da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso, cun discurso netamente europeísta non sen antes advertir da perda de competitividade da UE fronte a EEUU e China e da necesidade de investir en defensa e “estar preparados para a guerra para asegurar a paz”.
O Premio Nobel de Economía 2024, Daron Acemoglu, foi o encargado de pechar a segunda edición do Vigo Global Summit cunha disertación sobre o impacto da Intelixencia Artificial (IA) no emprego, na produtividade e na desigualdade. “A IA vai afectar a todo, dende a educación ata o transporte. E non sabemos facer o mellor uso desta tecnoloxía”. argumentou Acemoglu indicando que a desigualdade económica será evidente “principalmente para as pymes en comparación coas grandes corporacións”. “A IA requerirá cambios organizativos máis profundos para poder expandirse”, destacou o Premio Nobel antes de instar a aplicar un novo enfoque da IA, baseado na complementariedade humana.
Mesma reflexión inspirou a Amparo Alonso, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, cando afirmou que “a IA, coas súas luces e sombras, está cambiando todo: emprego, xeopolítica, economía. Antón Costas, presidente do Consello Económico e Social, coincidiu en que as aplicacións tecnolóxicas “deben ser útiles e non substituílo”.
Outras intervencións foron as do Delegado de Estado para a Zona Franca de Vigo, David Regades; o Alcalde Abel Caballero; Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca; María Lorca-Susino, profesora da Universidade de Miami, quen abriu o debate sobre a confrontación xeopolítica entre EEUU e China; Brian Wong, profesor da Universidade de Hong Kong, quen explicou que se ben o crecemento comercial de China multiplicouse por catro nos últimos 25 anos, o xigante asiático “é unha potencia con limitacións; os seus funcionarios amosan aversión ao risco, o consumo está estancado o desemprego da mocidade é elevado”.
A experta Alicia García-Herrero afirmó que nin EEUU nin China cren nun mundo multipolar e que Europa debe liderar e impulsar esa iniciativa. Ángel Talavera, economista xefe para Europa en Oxford Economics, adverteu das dificultades da UE para concretar unha estratexia común e o seu carácter reactivo ante as crises e conflitos internacionais. Emma Gómez, directora xeral de APD, urxiu a Europa “a reaccionar fronte ao poder de EEUU e de China”.
A campiona olímplica de bádminton e Premio Princesa de Asturias, Carolina Marin, o presidente da Axencia EFE, Miguel Ángel Oliver, a xornalista Mamen Mendizábal, o músico Baiuca e o actor Carlos Blanco tamén participaron nesta edición.




