
Vigo | O Concello de Vigo ameazou con denunciar á Real Federación Española de Fútbol (RFEF) ante a FIFA pola súa presunta “falta de transparencia” para que o estadio de Balaídos sexa unha das sedes oficiais do Mundial 2030.
O concelleiro da Área de Goberno de Fomento, Servizos e Deportes e segundo Tenente de Alcalde, Javier Pardo, esixiu á RFEF “que traslade á FIFA o proxecto de sede de Vigo trala renuncia de Málaga” para poder así “completar o listado de once sedes oficiais” para o Mundial 2030.
O pulso pola sede viguesa chegou incluso á celebración do Entroido 2026 na cidade olívica, a través dun meco coas fotos de Rafael Louzán, presidente da RFEF, e Alfonso Rueda, presidente da Xunta, acusado dende o Concello de preferir a sede para a coruñesa Riazor. O meco incluía unha mensaxe reivindicativa para que Vigo sexa sede do Mundial.




