Vigo | Con 19 votos a favor do gobernante PSdeG-PSOE, tres en contra (BNG) e cinco abstencións (PP), o pleno municipal de Vigo aprobou definitivamente este 26 de maio o seu novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), trala anulación do anterior en 2015 por parte do Tribunal Supremo.
Os datos municipais aseguran que este novo PXOM permitirá construír 50.000 vivendas “libres de especulación” e “case 15.000 con algún tipo de protección”.
O plan contempla novos ámbitos comerciais como o de Bricomart na Avenida de Europa; 3,3 millóns de m2 de superficie verde; a transformación da Praza de España; e novos viarios como a autovía no túnel por Bembrive e o Hospital Álvaro Cunqueiro, que no seu momento xeraron contestación cidada nas parroquias de Bembrive e Beade.
O PXOM tamén contempla espazos dotacionais, dialogados cos veciños e veciñas, como son as escolas de música de San Miguel de Oia e Bembrive, o novo espazo para o asociacionismo en Coruxo, instalacións e pavillóns deportivos, etc.