VI Congreso Internacional de Turismo e Deporte en Expourense do 11 ao 12 de decembro

Está vencellado a Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo

Ourense | Expourense acolle o VI Congreso Internacional de Turismo e Deporte os días 11 e 12 de decembro. Trátase dun evento vencellado a Sportur Galicia, o Salón do Turismo e Deporte Activo, que organizou a súa parte práctica no mesde maio (Xogos deportivos inclusivos) e que agora en decembro está centrada exclusivamente no aspecto profesional. A asistencia a este congreso é completamente gratuíta pero precisa de inscrición previa na web www.sporturgalicia.com e pode seguirse de xeito presencial dende Expourense ou de xeito virtual dende calquera parte do Mundo.

O VI Congreso Internacional de Turismo e Deporte foi presentado esta mañá en Expourense nun acto no que participou o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo; o presidente do INORDE e deputado provincial de Turismo e Termalismo, Rosendo Fernández; o tenente alcalde e concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Aníbal Pereira, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.

Este congreso conta coa participación de vinte expertos de España e Portugal en turismo e deporte desde distintas perspectivas. Está dividido en 3 bloques ou áreas temáticas que responden ás necesidades prantexadas polos profesionais do sector. Estes bloques serán: o turismo activo accesible e inclusivo en destinos turísticos e espazos naturais; o financiamiento deportivo en eventos e o Foro de “Concellos activos”. En todos os bloques serán presentados casos prácticos e de éxito que poden ser replicables.

Accesibilidade e Inclusión en Destinos
A accesibilidade e a inclusión centrou os Xogos deportivos de Sportur Galicia celebrados no mes de maio en Expourense e abordaranse agora dende a compoñente teórica e profesional coa participación de expertos en turismo accesible como a Fundación ENKI, Portugal Accesible ou a empresa Koan Consulting. Tamén participarán expertos de “Galicia, Destino Sostible” e da Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo – AGETAN. Este bloque do Congreso terá lugar o xoves 11 de decembro en sesión de mañá.

Obradoiro de financiamento deportivo
A captación de patrocinios públicos ou privados é un dos temas que máis preocupan aos organizadores de eventos deportivos. Nesta xornada, que terá lugar o xoves 11 de decembro pola tarde, falarase de mecenazgo deportivo presentando varios casos prácticos. Participarán representantes das empresas EME Sports, Veolia Agua e da Fundación Amare Terra. Tamén contará coa participación como moderador do director do Máster en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo, Patricio Sánchez.

Foro Concellos Activos
A sesión do congreso do venres 12 de decembro pola mañá estará dirixida aos concellos que aposten polo turismo activo, deportivo e de natureza e que poñan en práctica políticas enfocadas ao “movemento” dos seus habitantes con obxectivo de “converter aos concellos en ximnasios”. Contará coa participación de expertos de entidades públicas e privadas como a Fundación Deporte Galego, a Deputación provincial de Ourense, o Concello de Abegondo e da consultora Atlas Sport Consulting. Como caso de éxito presentarase o exemplo do concello de Benicarló (Comunidade Valenciana).

O VI Congreso Internacional de Turismo e Deporte está organizado por Expourense co apoio Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense.

Actividades complementarias
Ademais das ponencias do Congreso, esta cita contará cunha pequeña área expositiva onde participan entidades públicas e privadas vencelladas ao tusimo activo ou ao deporte.

Tamén se impartirán dúas actividades complementarias fóra de programa pero abertas a quenes queiran participar. A primeira delas será a xornada informativa do Programa «Campus Rural» impulsado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Este programa ofrece prácticas retribuidas para universitarios en Concellos de menos de 5.000 habitantes, promovendo a dinamización domedio rural e o fomento do talento xove. Esta xornada impartirase o xoves 11 de decembro ás 12.30 h.

A segunda das actividades complementarias será o Obradoiro teórico e práctico de Primeiros Auxilios centrado na “Capacitación para o Deporte e o Turismo activo”. Estará impartido pola Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias de Galicia – TESGALICIA. Os participantes aprenderán habilidades básicas de resposta a emerxencias, adaptadas ás necesidades e riscos máis comúns nas actividades deportivas e de aventura. Esta formación teórica e práctica está deseñada para mellorar a seguridade e a resposta a incidentes neste sector. Impartirase o venres 12 de decembro ás 10.30 e é preciso reservar praza (consultar www.sporturgalicia.com)

Este Congreso marcará o comezo da tempada deportiva 2025/2026 coa colocación da pista curta de atletismo cuberta que albergará unha trintena de probas e campionatos dende o mes de decembro ata finais de marzo. Aproveitando a colocación da pista e a celebración do Congreso, Expourense acollerá os días 11 e 12 unha nova xornada “Xogade” de Atletismo que convocará a escolares de secundaria de colexios de Ourense cidade e arredores.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.