Venezuela: “a paz pola forza”.

O secretario de Defensa de EEUU, Peter Hegseth, declarou que a operación militar que detivo ao agora ex presidente venezolano Nicolás Maduro este 3 de xaneiro foi unha demostración de como alcanzar “a paz pola forza”.

Minutos antes, o presidente Donald Trump xustificou a operación de captura contra Maduro e a súa esposa Cilia Flores, acusados de narcotráfico, exclamando que “EEUU gobernará Venezuela cara unha transición xusta e adecuada”. Deixou ás claras que a operación indicaba un imperativo de seguridade nacional para EEUU, un argumento con repercusión en chave electoral de cara aos comicios lexislativos de mid-term previstos para novembro próximo, especialmente no relativo a manter en pe o apoio de votantes cubanos e venezolanos en EEUU nun momento de crise política do movemento trumpista MAGA. Pero Trump falou tamén do interese no petróleo (Venezuela ten as maiores reservas de hidrocarburos a nivel mundial) toda vez lanzaba unha enigmática declaración considerando á líder opositora e actual Premio Nobel da Paz, María Corina Machado, como “unha dama formidable pero que non ten apoio nin respecto en Venezuela”.

Horas antes, mediante comunicado, Machado aseguró que tanto ela como o “presidente lexítimo” Edmundo González Urrutia, no exilio desde 2024, estaban “preparados para liderar a transición”. A posterior declaración de Trump sobre Machado xa con Maduro capturado e camiño a un tribunal en EEUU evidencia que Washington está manexando outros escenarios para a transición en Venezuela.

Visto o modus operandi e a posta en escena da “operación militar especial” de EEUU  contra Maduro queda claro que o contexto da a entender un pacto previo entre diversos actores, internos e externos, na que a caída da peza chave, Maduro, era xa imprescindible.

“Visto o modus operandi e a posta en escena da ‘operación militar especial’ de EEUU  contra Maduro queda claro que o contexto da a entender un pacto previo entre diversos actores”

A diferenza doutros contextos de caídas de réximes autoritarios, nas rúas de Caracas e de varias cidades venezolanas non se apreciaron protestas masivas. Como era de agardarse, a tensa e expectante calma predominaba no escenario toda vez o “post-madurismo” se esforzaba por manter as riendas do poder. Coa seriedade e non menos nervios propios da situación, o ministro de Defensa, Vladimir Padrino López, apareceu como o primeiro alto cargo en “dar a cara” neste momento de crise, un aspecto que revela os factores de poder en Caracas, concentrados nun estamento militar que debe convivir con outros actores civís do agora “chavismo post-Maduro”. Aquí entra en escena a figura da vicepresidenta Delcy Rodríguez, quen foi tamén moi prolífica en redes sociais demandando unha ‘fe de vida’ de Maduro. Con todo, Trump asegurou na súa intervención que, trala captura de Maduro, o secretario de Estado, Marco Rubio tivera case de inmediato unha conversa con Delcy Rodríguez.

Semanas atrás, cando se filtraron as informacións sobre a conversa telefónica entre Trump e Maduro, este aparentemente ofreceu a súa renuncia a favor dunha transición dirixida por Delcy Rodríguez. Se ben os medios estadounidenses, citando fontes da Casa Branca, aseguraron que Trump non aceptou esta fórmula, a “chave Delcy” da a entender que a Casa Branca xa a manexara con anterioridade como a figura transitoria con maior capacidade de manobra nesta etapa post-Maduro. Nesta ecuación tampouco hai que esquecer o peso do ministro de Interior e segundo vicepresidente Diosdado Cabello, con forte poder nos estamentos militar, burocrático e empresarial do “chavismo”.

Alén das incógnitas, que son moitas, e das inevitables incertezas ante un cambio político, Venezuela ingresa nunha nova etapa de equilibrios de poder. Se ben durante o seu discurso Trump deixou entrever que “non fan falla novas operacións militares en Venezuela”, a presión de Washington será cada máis política neste contexto “post-Maduro” en Venezuela, en chave de tutela exterior e amparada pola súa intimidante presenza militar no Caribe.

“Venezuela ingresa nunha nova etapa de equilibrios de poder”

Resta por medir como repercutirá a caída de Maduro no contexto xeopolítico global. As constantes referencias de Trump e de Hegseth durante os seus discursos sobre o poderío militar dun EEUU que “está de regreso” van claramente dirixidos a tres actores exteriores con presenza en Venezuela: Rusia, China e Irán, vistos en perspectiva como os verdadeiros perdedores coa caída de Maduro, tal e como o foron en decembro de 2024 coa caída de Bashar al Asad en Siria.

Non obstante, non é descartable que a caída de Maduro fora previamente “pactada” por Washington con Moscova e Beijing. Alén das consecuentes protestas pola agresión ao seu aliado, Rusia e China manteñen un baixo perfil, tal e como o tiveron coa caída de al Asad en Siria. Horas antes da súa caída, Maduro recibiu a unha delegación chinesa no Palacio de Miraflores.

Pola súa banda, Irán vive actualmente protestas nas rúas mediatizadas por unha presión constante por parte de EEUU e Israel que, incluso, advirten da posibilidade dunha confrontación armada coa pretensión de propiciar un cambio de réxime en Teherán. Volve a aparecer en escena a figura de Reza Pahleví, o exiliado fillo do último Shah de Persia. Diversas fontes aseguran que Rusia ven asistindo militarmente ao seu aliado iraniano ante calquera expectativa de confrontación armada contra Israel e EEUU.

“A operación contra Maduro é unha advertencia de Washington contra países díscolos para os seus intereses como Cuba, Nicaragua, Colombia e incluso Brasil”

Igualmente, a operación contra Maduro é unha advertencia de Washington contra países díscolos para os seus intereses como Cuba, Nicaragua, Colombia e incluso Brasil, tradicionais aliados de Maduro. Este revival do intervencionismo estadounidense na rexión, que no caso venezolano sería a primeira intervención militar directa nun país de América do Sur, revela que Trump quere volver a dominar ese “patio traseiro” que nos últimos anos observou a presencia de competidores e rivais como China, Rusia, Irán, India e Turquía, entre outros.

A análise do sucedido en Caracas obriga a diagnosticar que Venezuela ingresa nun terreo ata agora descoñecido. Pero a realpolitik pode ser máis asertiva e ditaminar que os pactos, directos e indirectos, foron probablemente máis decisivos na caída de Maduro. Estes pactos, cos seus incertos escenarios, definirán esta etapa “post-Maduro” na que Venezuela volve claramente a inserirse na esfera de influencia de Washington.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina. Redactor Xefe de "Foro A Peneira" e "Novas do Eixo Atlántico".

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.