Vellos si, pero nada máis nin nada menos.

Por Pedro Souto

Si, queridos coetáneos: Vellos si, pero coa cabeza ben ergueita, sacando peito e… pisando todo o forte que as nosas potencialidades nos permitan.

Nada de ir polo mundo agochando a nosa sorte de ser Vellos.

Nada de vivir soportando que nos traten como a imberbes inmaduros; utilizando, nas nosas relacións humanas, a cotío, un vocabulario a base de diminutivos que nos infantilizan.

“Non hai tanto tempo os vellos, coas súas pensións, foron soporte económico de moitas familias”

Non hai tanto tempo os vellos, coas súas pensións, foron soporte económico de moitas familias. Xa se esqueceron? “Nada os debo” (A. Machado dixit) Para as xeracións que deberían coidar de nós hai demasiadas ofertas de ocio que resultan máis gratificantes ca dedicarlle un tempiño ós seus vellos-as que viven sós.

Hoxendía, hai protocolos para case todo. Por qué non existe un que se aplique cando un médico deduza que a principal causa das doenzas dun maior sexa a soedade, o poña en coñecemento da autoridade competente para lle pór remedio a esa causa?

Está en estudio unha lei na que se establece que un can non pode estar só máis ca un curto espacio temporal. Cantas vellas-os pasan anos sós, nunha residencia ou, no mellor dos casos, falando coa súa mascota mentres os seus deudos adican o seu tempo libre a outras actividades máis prosaicas, aínda que hai outros mundos sen ir pendurado dun móvil ou paseado por un can.

Señoras-ñores do sector sanitario e dos centros residencias para maiores: somos persoas doentes e/ou residentes; pero non todas con incapacidades intelectuais e/ou afectivas disminuídas. Por qué, entón, nos uniformizan como se todas fosemos idénticas, con horarios iguais, alimentos iguais, espazos de ocio compartidos? Os médicos non se cansan de repetirnos (non fai falla que nolo digan eles) que non hai dous seres humanos iguais. Xa! Dínnolo para curárense en saúde cando prescriben un fármaco e non resulta para curar a doenza ou, se cadra, a agrava.

Non nos sintamos máis vellos do que figura no noso DNI cando (moi raras veces) nos dispensan un tratamento de cortesía (Sra., Sr., Vde., Sra. Carmen, Sr. Xoán), que é iso o que significan. O tuteo, os tratamentos de: “chica-chico, cari, cariño, curri, churri, xove, “tía”, “tío” (sen selo) non nos fan máis novos nin nos confiren títulos de xuventude; son neomodismos? para, sobre todo, manternos na crenza de que seguimos estando en idades de consumir. Por qué, senón, engloban ás persoas de 2-3 anos para arriba na uniformizadora denominación de “chicas-cos? Hoxe mesmo, unha mestra trataba de chicas-chicos a picariños de párvulos. Que pretenden, facernos a nós párvulos (algo imposible) ou ós nenos, vellos?

Os nomes de mamá, papá, nena, neno, rapaz, rapaza, moza, mozo que nos sitúan nas distintas etapas das nosas vidas son obsolescencias, antigallas para os “modernos. Veredes queridos “modernos” como os vosos fillos han de vos chamar polo nome de pila ou, se cadra: tía – tío. Só falta que volo inoculen os “modernos” da outra beira do Atlántico norte, de onde nos chegan o de: mami, papi e… outras “moderneces” que pasan a engordar o noso paifoco acervo “cultural” cotiá, sen pasalas por ningunha peneira mental que aparte a palla do grao.

Coñecín unha persoa ben maior que, cando o tratamento tío – tía colonizou as Españas, adoptouno como algo que a situaba na “modernidade”, que lle restaba anos; era analfabeta.
Ofende quen vai polo mundo defendendo a frase: “vellos son os trapos”. Vellos son as persoas e cousas que teñen moitos anos, idosos din os veciños portugueses. Os trapos, antes de selo, formaron parte de elegantes vestidos que engalanaban á persoa que os locía tan gallarda ela.

Vamos a deixarnos de nos ofender cando nos respectan tratándonos de Sñra., Sr., Vde., etc.
Vistámonos como nos pete, sen nos disfrazar fóra do entroido o que supón sometérmonos, voluntariamente, á escravitude das modas que non son outra cousa ca fórmulas sibilinas para engorde da carteira de modistos (de moda) e de quen a vende. “Luzcamos a los 50, cuerpos de 50; a los 70, cuerpos de 70 y a los 90, cuerpos de 90; lo demás es pornografía y tortura. Si no poseemos nuestro cuerpo y respetamos nuestra edad, ¿cómo podemos esperar que los demás nos respeten? (1)

“Vamos a ser o que somos, persoas diferentes cargadas de saber”

Vamos a ser o que somos, persoas diferentes cargadas de saber, non porque sexamos máis “listos” ca ningén senón porque levamos na “mochila” moitas máis veces vendo saída do sol cá aqueles que aínda non na viron tantas e que cando as vexan merecerán o respecto e os dereitos que para nós demandamos agora.

“O home masa é un animal de granxa” (El Roto).

Non se considere a crítica urbi et orbi.

Da marxinación á que nos someten pola burocracia dixital e outros temas que nos desasogan, escribiremos outro día.

Saúde; respectémonos para que nos respecten e…alegría de vivir ata ser Vellos, con maiúscula; agardando a revolución dos xubiletas ata que a Natureza nolo permita.

(1) Do libro: “Yo VIEJA”, apuntes de supervivencia para personas libres, de Anna Freixas, profesora universitaria xubilada.