Vanesa Fernández Soage liderará o PSOE de Ponteareas

Nomeada a nova executiva

Ponteareas/PSdeG-PSOE | Os militantes do PSOE de Ponteareas escolleron na tarde de onte a nova executiva municipal, encabezada por Vanesa Fernández Soage como Secretaria Xeral. A actual concelleira e voceira do partido na Corporación Municipal presentou unha candidatura integradora, con perfís complementarios e experiencia en diversos ámbitos, reforzando o compromiso coa veciñanza e o futuro da vila. Un equipo con ilusión, experiencia e proximidade.

No seu discurso, Vanesa Fernández destacou que “comeza unha nova etapa chea de ilusión dentro do partido, arroupada por compañeiros e compañeiras dispostos a traballar polos veciños e veciñas de Ponteareas”.

A nova executiva combina veteranía e renovación, con figuras clave como: Rubén Pérez, secretario de organización e concelleiro municipal, recoñecido pola súa capacidade de diálogo, consenso e profundo coñecemento da estrutura interna do partido ou Francisco Candeira, exalcalde de Ponteareas e novo Presidente do PSOE local, definido por Fernández como “un referente de sensatez e loita incansable pola mellora do noso concello”. Compromiso coa veciñanza e cunha política construtiva.

A nova executiva comprométese a reforzar a proximidade e transparencia no traballo político, afrontando os retos sociais e institucionais con responsabilidade e diálogo. Neste sentido, continuará co proceso de escoita activa iniciado a finais do pasado ano, que ten como obxectivo coñecer de primeira man as necesidades das parroquias e dos distintos colectivos sociais, deportivos e culturais. Fernández subliñou que a nova dirección aposta por unha forma de facer política afastada do ruído e da confrontación, centrada no traballo construtivo e na busca de solucións reais para as veciñas e veciños de Ponteareas. “Queremos que Ponteareas avance con todas e todos, coas achegas da súa xente e co traballo conxunto para construír un futuro mellor”, concluíu Fernández.

Secretaría Xeral: Vanesa Fernández Soage
Presidente: Francisco de Asís Candeira Mosquera
Secretario de Organización: Rubén Pérez Prego
Secretario de Acción Electoral: Javier Porto Campos
Secretaría de Política Social e Maiores: María Jesús Garrote Represas
Secretario de Política Municipal: Benito Márquez Castro
Secretaría de Igualdade: Tatiana Vázquez Alfaya
Secretario de Militancia: Luis Parra Parra

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.