Vampiros e coellos de hospital.

“Alicia: Canto tempo é para sempre? Coelliño branco: Ás veces só un segundo.” (Alicia no País das Marabillas, Lewis Carroll).

O coello ten razón, musitoume Nisa ao oído, debes converter cada segundo, no segundo eterno do recordo. Queres dicir que todos os momentos poden ser eternos?

Non!, respondeume, a eternidade é só a suma de cada instante, cando durmo pegada ás túas costas, contemplo cara a cara, a face da eternidade.

Mentres conversabamos, colocámonos a armadura branca, esta noite témonos que enfrontar os vampiros de hospital. Invadiron a cidade do Ouro e o Gran Maestre recrutou a todos os cazadores, para unha “operación especial”.

Cada un na súa materia, nós convertémonos en esenciais nesta loita sen cuartel, somos dos poucos que combaten contra “vampiros mentais alados.”

Dentro do Complexo Hospitalario espéranos o noso aliado ” Etienne do Escudo”. Lévanos directamente á cripta no interior do “Cenáculo.” Dámonos présa, o veleno transmítese polo aire, polo chan, pola auga…

Sen tempo que perder, sacamos o reloxo de hipnosis, a canina crávalle os ollos nos seus ollos e paraliza a súa mente, mentres desenfundo a espada “Arco da vella”, e cun golpe seco chapodolle o pescozo, separandolle a cabeza. O do Escudo desliza entre as súas roupaxes a pequena daga ardente, atravesándolle o corazón.

Ao abandonar a parte alta, na xanela do corredor, unha dama de beleza singular, regálanos un sorriso,antes de alcanzar a escaleira.

Na porta de saída, vimos ao coelliño branco que nos saudou dicindo : “Só o ben é eterno, o mal será vencido” a canina miroume aos ollos, a súa mente reveloume o seu pensamento: “Se non pensará en comermo; ata podería entenderme ben con este coello…”

Fóra diluviaban océanos de nubes abertas, mares de choiva…

Démonos tanta présa como o pensamento, para alcanzar a tranquilidade da nosa morada, tremendo de frío e de emoción. Nun amén venceunos o sono. .. E soñamos cun mundo novo. Sen pestes!

Nisa, estirouse cravando as súas costas nas miñas costas…

Da serie: “Os Vampiros viven con nós”.

Fillo de emigrantes galegos, naceu en Caracas. Empresario. Articulista e colaborador en varios xornais. Creador da sección “Con Sentimento” na revista internacional “A Bugalla”. Coautor de "As andrómenas e outros contos" (editorial A Formiga Rabicha). Participa activamente en iniciativas solidarias e culturais.