“Valentín Paz-Andrade foi un intelectual realmente extraordinario”

Elías Torres Feijó | Profesor da USC e autor

Santiago de Compostela | Elías Torres Feijó é profesor titular de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde dirixe o grupo de investigación GALABRA, onde se investigan as dinámicas culturais dentro dos contextos galego, luso, brasileiro e africano de lingua portuguesa.

Precisamente en relación con este grupo de investigación, Elías Torres presentou dous volumes nos que se trata a relación entre Galicia e Portugal e que levan por título “Portugal, para quê? e Galeguismo precário e Portugal. Entre os Jogos Florais de Tui e a Academia Galega através das revistas culturais (1891-1906)”, ambos exemplares publicados na editorial Andavira e son a materialización de varios anos de traballo investigador.

Un dos títulos chama poderosamente a atención, Galeguismo precario e Portugal. Entre os xogos florais de Tui e a Academia Galega. Que referentes están detrás deste título?
O galeguismo precario era aquel de finais do século XIX e comezos do XX, cun reducido número de persoas, aínda que moi activistas e con moi poucos medios. Tampouco dispuñan de recursos institucionais, cunha lingua moi castelanizada porque non se sabía moi ben como escribila. Por tanto, era un galeguismo cunha insuficiencia grande en todos os sentidos.

“O galeguismo precario era aquel de finais do século XIX e comezos do XX, cun reducido número de persoas, aínda que moi activistas e con moi poucos medios”

Ao mesmo tempo encontraron en Portugal algúns elementos que serían decisivos para o avance dese galeguismo, como por exemplo o dereito a existir, como dicir “aquí está parte de nós e alí está unha lingua que é a nosa e se Portugal é un estado soberano e independente, nós tamén temos dereito a existir e temos máis que ver que con outra nación”.

Hai unha precaridade evidente en todos os sentidos e un recurso a Portugal onde tamén houbo intelectuais portugueses que apoiaron ese galeguismo. Quen ve isto con perspectiva ve un acto relativamente heroico porque daquela precariedade souberon sacar adiante unha posición firme.

De aí vén a segunda parte do título, Entre os xogos florais de Tui e a Academia Galega.
Durante eses dezasete ou dezaoito anos están buscando institucionalizarse. Os Xogos Florais tamén teñen ese carácter insititucional e unha visibilidade ao galego. A idea de montar unha academia é unha idea antiquísima, algo para outorgarlle prestixio á cultura galega. Vai ser moi difícil que o poidan conseguir pois terán que facer pactos con Pardo Bazán e outros sectores.

Todo isto polo peso que tiña o Grupo Coruñés ou Escola Coruñesa, a quen coñecían despectivamente como a Cova Céltica, para referirse á libraría de Carré Aldao, onde se reunían. Aí as figuras de Murguía, Carré Aldao, Florencio Baamonde, Martelo Paumán e o propio Pondal serán quen de chegar até hoxe. Sobre todo, manterase até o 1916 cando o nacemento das Irmandades da Fala e despois do Partido Galeguista, que lle darán máis peso a estes posicionamentos.

Non partían este grupo de xente cun complexo de inferioridade polo feito de seren galegos?
Levantáronse precisamente contra iso e aí está un dos motivos do comezo do galeguismo, levantarse contra o que consideraban unha inxustiza. Esa é a razón de ser que explicita Rosalía de Castro nos Cantares Gallegos en 1863, ese é o sentido que lle dá Murguía, aquí hai un país coa súa historia.

Ese é o sentido de crear a Revista Gallega entre 1895 e 1907, é dicir, a idea fundamental é: “nós non somos ese pobo que vós queredes humillar e considerar inferior, pola contra somos un pobo diferente, temos unha historia e unha lexitimidade que nos permite dicir que temos dereito de existir e imos demostralo”.

No segundo libro Portugal para que? Seis marcos do relacionamento galego-portugués. Cales son eses marcos de relacionamento?
Dediquei parte da miña vida investigadora ao relacionamento galego-portugués. Para facer este libro escollín seis xa publicados mais dispersos, que me parecían importantes para explicar cousas. O primeiro é a Recepção de Camões na Galiza, un texto que vai examinando a recepción de Camões desde o século XVI até hoxe. Isto partindo de dous puntos diferenciais, Camões escribe na nosa lingua ou nunha variante da nosa lingua e por outra parte, e ademais Camões ten orixe galega.

“Dediquei parte da miña vida investigadora ao relacionamento galego-portugués”

Estes son dous elementos importantes da apropriación galeguista de Camões, por que os galeguistas fan isto? Para dicir que “nós temos prestixio”. Así o explicou Murguía con Juan Valera con “se vós tedes Cervantes, nós temos Camões”. Todas as dimesións que gaña Camões van por esa liña. Hai un poema de Rosalía de Castro, posiblemente o último escrito en galego, un poema para o tricentenario da morte do autor.

Foi moi relevante, primeiro por ser o último en galego de Rosalía e por dúas figuras. Unha, Inés de Castro, a galega que foi raíña morta, póstuma, asasinada por motivos políticos en Portugal e o mesmo Camões, o que nós non fomos, foino Portugal. Logo hai un terceiro punto, é unha polémica que se pode ir ver no monumento aos mártires de Carral, persoas fusiladas no levantamento liberal de 1846 e a quen sesenta anos máis tarde élles erixido un monumento con suscrición popular.

Hai unha polémica coa inscrición que di “Aos mártires de Carral” primeiro e finalmente “mortos pola libertade”. Ese “aos” e ese “ade” van provocar unha polémica enorme, pois acusan ao grupo da Coruña detrás do monumento, que son acusados de seren uns lusistas e que estaban perturbando o idioma cando en realidade o estaban consolidando. Esta polémica demostra como estaban as cousas.

Despois hai un repaso do galeguismo até o 1936, a loita polo galeguismo, a lingua e a cultura. Este período foi un Sísifo profundo, pois había unha dinámica en marcha e o golpe de estado franquista tronzou todo.

Logo pecha con dous textos, un deles a reacción ao 25 de Abril na Galiza sobre todo do Grupo Galaxia e da UPG de como receben esta nova, posiblemente noutra situación moi precaria para o ámbito galeguista en plena ditadura.

“Valentín Paz-Andrade (…) que foi un intelectual realmente extraordinario, probablemente dos primeiros que teorizaron o relazonamento galego-brasileiro”

E acaba coa figura de Valentín Paz-Andrade, que foi un intelectual realmente extraordinario, probablemente dos primeiros que teorizaron o relazonamento galego-brasileiro e a forza que ía ter o Brasil en termos de beneficios económicos, culturais e políticos que tería para Galiza. As súas ideas teñen moito vigor na actualidade, mais infelizmente non foron para adiante.

Mais que se cortou e que quedou no camiño para un esquecemento mutuo entre Galicia e Portugal?
A resposta é moi complexa. Un pode ter intuicións mais non capacidades para demostrar as cousas. En síntese, por exemplo, o esquecemento de Valentín Paz-Andrade manifesta en parte a ausencia de planificación na Galiza, en termos de institucións culturais e políticas, non hai un proxecto para Galiza que se verifique a medio e longo prazo.

E consecuentemente con isto falta autocrítica e por tanto falta capacidade para tomar outro camiño. Ás veces síntese como hai un ollar demasiado curto, de resolver ou intervir en cuestións moi pequenas ou moi do inmediato, ás veces é inevoitable mais impide erguer a cabeza e mirar para adiante. Valentín Paz-Andrade foi un exemplo dos que ergueron a cabeza e dixeron “podemos ir por aquí” e foi un esquecido político e cultural.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.