Valedora do Pobo advirte a Mondariz Balneario sobre o estado ruinoso do Hotel Roma

Pode declaralo "Concello hostil e entorpecedor" se non atende aos seus requirimentos

Mondariz Balneario | En outubro de 2019, a plataforma SOS Fonte de Troncoso presentou unha denuncia ante a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia polo estado ruinoso do Hotel Roma, un edificio catalogado e protexido, pero non obtivemos resposta, de aí que decidíramos presentar unha queixa ante a Valedora do Pobo.

Unha vez que estudou a nosa queixa, a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, comunicounos o 11.01.2021 que “dámola por admitida ao entender que reúne os requisitos formais recollidos no artigo 18 da Lei da Valedora do Pobo, e que atopa, en principio, cobertura constitucional derivada do artigo 103.1 da Constitución.”

Desde a súa admisión a trámite, María Dolores Galiño reiterou os requirimentos de información o 11.02.2021, o 16.03.2021, 28.05.2021 e 13.08.2021 (xuntamos copia), pero o Concello de Mondariz Balneario e a Consellería de Cultura seguen sen cumprir coa súa obriga legal de informar a SOS Fonte de Troncoso, á Valedora do Pobo dos motivos polos que non obriga á propiedade (unha inmobiliaria domiciliada en Vigo) a rehabilitar este edificio protexido que se localiza na rúa principal da vila.

No último requirimento que a Valedora do Pobo enviou ao Concello de Mondariz Balneario, a titular comunícalle ao Concello que:

“O artigo 22.1 da Lei da Valedora do Pobo impón a todos os organismos e dependencias administrativas aos que o Valedor requira informe sobre a tramitación das queixas a obriga de remitilos “no prazo de quince días”. Ademais, o apartado 2 do mesmo artigo engade que “a negativa ou neglixencia de calquera organismo, funcionario ou dos seus superiores responsables ao envío dos informes solicitados poderá ser considerada polo Valedor do Pobo de Galicia como hostil e entorpecedora das súas funcións, facéndoa pública de inmediato e destacando tal cualificación no seu informe anual ou especial, se é o caso, ao Parlamento.”

“(…) poderá ser considerada polo Valedor do Pobo de Galicia como hostil e entorpecedora das súas funcións”

O Catálogo de bens a protexer do Plan de Ordenación do Medio Rural de Mondariz Balneario recolle o Hotel Roma como ben cultural obxecto de protección. Inaugurado no ano 1907, este antigo hotel sitúase no centro da vila balnearia e o seu lamentable estado de conservación chama a atención de todos os visitantes polo seu estado de ruína.

Na publicidade do s. XX os seus propietarios promocionaban o hotel “enclavado en el sitio más céntrico y elevado del balneario”. “Se halla a la altura de los mejores de su clase, dotado de amplias y ventiladas habitaciones, amuebladas según los más refinados adelantos y con luz directa, divisándose desde ellas hermosos y pintorescos valles.”

Silencio administrativo
SOS Fonte de Troncoso pídelle ao Concello que cumpra coa legalidade e informe á Valedora do Pobo dos motivos polos que permite que un edificio que forma parte do Patrimonio Cultural de Galicia se atopa en estado de ruína e total abandono no centro da vila balnearia.

A lei establece que o Concello debe responder á Valedora no prazo de 15 días, e o Concello de Mondariz Balneario leva 8 meses sen contestarlle, incumprindo así as súas obrigas legais. As veciñas e veciños de Mondariz Balneario pídenlle ao Concello que cumpra a lei, ao igual que este lle esixe a eles o seu cumprimento.