Uxío Novoneyra, Poeta do Courel.

O Courel é tamén a terra na que naceu Lola, a miña dona. Temos viaxado e feito saborosas excursións polos seus montes e devesas, bañado nos seus ríos e fervenzas e visitado as súas vilas, aldeas e castros. Por iso, estamos agradecidos aos que puxeron en valor e deron a coñecer esta fermosa terra: Anxel Fole, Uxío Novoneyra e Olga Novo -entre outros. Uxío Novoneyra naceu en Parada de Courel en 1930 e finou en Compostela en 1999. Foi un poeta e escritor de familia labrega e o Courel, a súa terra, foi o principal referente dos seus versos, por iso chegou a ser coñecido como o Poeta do Courel. Estudou bacharelato en Lugo e despois matriculouse por libre na facultade de Filosofía e Letras en Madrid, onde traballou na radio e na televisión en progamas culturais e literarios. Regresa ao Courel e máis tarde trasládase a Santiago de Compostela, onde exerce como presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. En 1968 coñece en Lugo a Elba Rei, coa que casa en 1973. Tratou a Manuel María, Maside, Otero Pedrayo, María Mariño,… As súas principais obras son: Os Eidos (de 1955), Elexías do Courel e outros poemas (de 1966), Poemas caligráficos (de 1979), Muller pra lonxe (de 1986),… En 2010 adicouselle o Día das Letras Galegas . Galiza sempre está presente na súa literatura e o idioma era para el o único sitio onde siguen vivos os nosos devanceiros e a única forma audíbel de supervivencia. Contarei unha anécdota que lin del: na posguerra un tío de Uxío estaba alapado na casa familiar, pois corría perigo a súa vida. E el, sendo tan só un neno, deprendeu a gardar silencio ao respecto. Como mostra da súa obra, escollín estes breves e fermosos poemas:

TERRA moura das montañas!
Boa terra que dás auga
e teis auga nas entrañas!

* * *

CANTA o cuco cala e canta
dos castiñeiros do val.
Pasa o tempo e non di nada
e volta o cuco a cantar.

* * *

ALALÁS ENCADEADOS
É xa hora de que señas
Terra patria dos teus
dos que gardaron a fala
en que máis se dixo “adeus”
e que señas dona de ti
e señora de falar
señora de decidir
e dona de se negar.

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.

Outros artigos