UVigo SpaceLab lanzará misión espacial dende China

Co apoio da Zona Franca a través do proxecto BIXO

Vigo | O proxecto BIXO, Bacteriological Intercommunication eXperiment in Orbit, do UVigo SpaceLab entrou na súa última fase. O cubesat de case 3 quilos, deseñado e fabricado por este equipo de estudantes da Universidade de Vigo, está practicamente listo para afrontar a súa primeira misión espacial biolóxica, que conta co apoio e patrocinio da Zona Franca de Vigo.

Da man da UVigo, BIXO levará ao espazo unha bacteria a fin de estudar o seu comportamento durante 9 meses para saber como lle pode afectar a un organismo vivo unha exposición prolongada ao ambiente espacial. Traballará a 440 quilómetros da Terra enviando imaxes e información e farao sendo o satélite máis pequeno con carga biolóxica que se poñerá en órbita, algo xamais desenvolto ata o momento e que pode ser clave para futuras misións no espazo con seres humanos.

Guillermo Calvo, presidente de UVigo SpaceLab e director técnico do proxecto, Daniel Collarte e Alejandro García, en representación dos máis de 50 estudantes que integran actualmente SpaceLab, presentaron os resultados e a última hora de BIXO ao delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, a quen explicou os preparativos finais para o éxito do proxecto.

Será a primeira misión de lanzamento deste equipo interdisciplinar de estudantes de diferentes graos e máster da Universidade de Vigo nos Campus de Vigo e Ourense, que xa saben que o seu talento e esforzo ten recompensa. BIXO será lanzado ao espazo nun foguete desde China, ao gañar o Space Universities Cubesat Challenge, organizado pola Federación Astronáutica Internacional (IAF) e a Sociedade Astronáutica China (CSA) en 2022, onde competiron con equipos de estudantes doutras 200 universidades. BIXO será lanzado pola Academia Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento.

Esta misión biolóxica supón poñer en órbita un cultivo de bacterias almacenadas nunhas tarxetas microfluídicas dentro dunha cámara presurizada co obxectivo de realizar un seguimento á bacteria para estudar os efectos da exposición prolongada ao ambiente espacial en organismos vivos. “Unha contribución máis, dixeron, aos estudos que están a facer moitos equipos de investigación do mundo e axencias espaciais para poder responder á pregunta de se é posible enviar vida fóra da Terra”.

No encontro en Zona Franca, David Regades, avanzou que o CZFV renovará o seu apoio ao proxecto da UVigo SpaceLab e aplaudiu este novo desafío “deste grupo de estudantes que nos seguen demostrando o seu enorme talento, innovación, vocación pola investigación e a súa capacidade de traballo en equipo. A canteira está asegurada e iso é grazas á excelencia da Universidade de Vigo que segue sendo unha referencia”, sinalou o delegado do Estado, que lembrou que o sector aeroespacial “é un aceno de identidade de Zona Franca con xente e empresas moi novas que en moitos casos están a ser xa referentes en todo o Estado”.

O equipo de SpaceLab avanzou os pasos que quedan agora por diante, entre outros, o desenvolvemento dun estudo estatístico de sensores de radiación, os labores de testeo e validación da cámara que BIXO levará a bordo para enviar información a Terra, ademais da montaxe da Estación terrea e, finalmente, a ensamblaxe e a preparación do lanzamento desde China onde confirmaron que estará presente unha representación do equipo vigués.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.