Unha Medalla de Galicia non axustada a Dereito.

Este último luns 14-X foille entregada a Leonor de Borbón Ortiz, sucesora na Xefatura do Estado, a Medalla de Ouro de Galicia, segundo o decidido no Consello da Xunta o 7-X. A decisión di alicerzarse na súa normativa, aprobada polo Decreto da Xunta de Galicia 1/1991, mais isto non é verdade, pois que a mesma destínaa «…ás persoas físicas e xurídicas, calquera que sexa a súa actividade, dentro ou fóra do territorio da Comunidade Autónoma, salientables polos seus méritos e polos servizos prestados á propia comunidade» (artigo 1.1).

Na parte expositiva do devandito Decreto afírmase a necesidade de racionalizar o procedemento de concesión cunha regulación unitaria para distinguir coa Medalla ás persoas que teñan méritos relevantes ao servizo de Galicia en calquera aspecto da súa realidade social, económica e cultural e, xa que logo, sexan dignos de obter o recoñecemento do pobo galego.

 

O artigo 1.2 do mesmo Decreto considera que a Medalla pode outorgárselle ás persoas, que, cun carácter relevante, I) teñan realizado actividades no ámbito da cultura, educación, ciencia ou investigación que contribuísen ao incremento do patrimonio cultural galego, o acervo colectivo do noso coñecemento ou a posibilidade da súa extensión ao mundo da industria e da empresa,II) ao estudo, defensa e difusión da lingua galega, III) a acreditación de valores humanos de alcance colectiva manifestada en servizos constantes á sociedade ou en accións concretas de abnegación ou asistencia altruísta en favor de persoas ou colectivos precisados de protección, IV) ás traxectorias profesionais e salientables na defensa dos valores do traballo e da empresa, V) á promoción e desenvolvemento dos valores e intereses turísticos de Galicia e VI) aos méritos deportivos das persoas ou agrupacións deportivas.

O Decreto 56/2025, de 7 de xullo (DOG do 10 de xullo), que outorgou na Medalla de Ouro a Leonor de Borbón non precisa máis méritos que os que seica «…concorren na Súa Alteza Real», identificando tautolóxicamente a súa cualidade de sucesora á Xefatura do Estado cos méritos precisos para a Medalla. Por outra banda, semella que o conselleiro da Presidencia, que é quen propón o outorgamento da Medalla, non ten acreditada a instrución do expediente que, para o efecto, esixe o devandito Decreto 1/1991. Nomeadamente, non consta que o instrutor do expediente adoptara, como ordena a devandita normativa «… todas aquelas providencias que estime necesarias para acada-la máis completa e contrastada investigación dos méritos que puidesen xustifica-la medalla de Galicia, na correspondente categoría» (artigo 11.1 do Decreto 1/1991).

Velaí que a escolla, nestas circunstancias, de Leonor de Borbón para a Medalla de Ouro de Galicia 2025 non é que non estea xustificada a xeito, senón que constitúe unha decisión arbitraria decidida en clara desviación de poder. Agravada pola súa entrega, por primeira vez en 41 anos, nun acto separado da entrega do conxunto das Medallas de Galicia 2025, prevista para 2025, pola subordinación da axenda do Goberno deste País á axenda da sucesora do Xefe de Estado.

“Sendo arbitraria e, xa que logo, probabelmente nula, a concesión desta Medalla, só entendíbel por razóns de parcialidade e conveniencia partidista”

Sendo arbitraria e, xa que logo, probabelmente nula, a concesión desta Medalla, só entendíbel por razóns de parcialidade e conveniencia partidista, ninguén pode criticar, pola súa vez, partidismo ningún na decisión da alcaldesa compostelá e da oposición parlamentaria do BNG de non ter estado presente na entrega da mesma. Porque foi a mesma Xunta a que deturpou o significado do máis senlleiro recoñecemento que pode dar Galicia para outorgalo á conveniencia do PP.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.