Unha “longa noite” pedindo polos seus dereitos laborais

Tras un tenso pleno, as traballadoras do SAF pasaron a noite no consistorio municipal esixindo as súas demandas

Ponteareas | En folga indefinida dende o pasado 26 de setembro, o conflito entre as traballadoras do SAF de Ponteareas e a empresa Óbolo escalou en intensidade este 28 de outubro cando o persoal sanitario iniciou un feche nas dependencias do Concello de Ponteareas reclamando unha solución urxente ao seu conflito laboral coa empresa concesionaria Óbolo.

Tras permanecer toda a noite do 28 ao 29 de outubro no interior do consistorio municipal, as traballadoras realizaron ás 10.30 horas do 29 de outubro unha concentración coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Coidados e o Apoio. Toda vez a CIG convocou a esa hora a unha rolda de prensa nas escaleiras do Concello.

“Mantense a folga indefinida esixindo unha ‘solución urxente’ e a saída da empresa Óbolo”

As traballadoras explicaron a súa situación onde seguen a manter a folga indefinida. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril (que tamén participou xunto coas traballadoras no feche durante toda a noite) anunciou que a central sindical vai levar “até as últimas consecuencias” esas demandas para esixir a rescisión do contrato con Óbolo, instando ao Goberno local a garantir unhas condicións laborais e de atención dignas no SAF.

Tensión no pleno municipal
Como xa teñen feito en anteriores plenos municipais, as traballadoras, agora acompañadas por Carril e a secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández, aproveitaron a convocatoria dese pleno para trasladar as súas reivindicacións á Corporación. Reclaman o pagamento puntual das nóminas, a abono das horas efectivamente traballadas, o cumprimento das medidas de prevención de riscos laborais, a conversión dos contratos a tempo completo e o respecto dos descansos legais diarios e semanais.

Preto da medianoite interveu Digna Cardoso, unha das representantes das traballadoras, que criticou tanto a xestión do Goberno local como a actitude dos dirixentes municipais que na sesión plenaria se limitaron a levar unha proposta de sanción contra Óbolo tras constatar distintos incumprimentos do contrato. Debe lembrarse que Óbolo foi recentemente suxeto a expediente por parte da Inspectoría de Traballo.

En canto á posibilidade de rescindirlle o contrato, o concelleiro responsábel, Francisco Represas, informou que aínda que se fixese esta rescisión, Óbolo podería volver a presentarse ao concurso e gañalo.

“A Alcaldesa Nava Castro acusou ás traballadoras ‘de falta de sensibilidade’ coas persoas usuarias do servizo”

Estas afirmacións, así como a alocución final da Alcaldesa, Nava Castro, acusando as empregadas do SAF de “falta de sensibilidade coas persoas usuarias do servizo”, encenderon os ánimos das persoas presentes, que interromperon a sesión ao berro de “Empresa culpable, Nava responsable”. Tras isto, a rexedora deu por suspendido o pleno ao superarse a medianoite

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.