A España de 2023 parece volver á de 2018, con constantes “tiras a afrouxas” políticos e movementos en diversas bandas, moitos deles imprevistos, de cara á conformación dun novo goberno na Moncloa.
O pasado 22 de agosto, o Palacio da Zarzuela foi o escenario das consultas institucionais onde o rei Felipe VI recibiu aos principais líderes políticos, o socialista e presidente de goberno en funcións Pedro Sánchez; o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo; o líder de VOX, Santiago Abascal; e a nova presidenta do Congreso dos Deputados, Francina Armengol.
Tras estas consultas, nas que VOX asegurou ‘con condicións’ o seu apoio a Feijóo, o monarca encargou ao líder do PP a conformación dun novo goberno a pesares de que os apoios parlamentarios de Feijóo non alcanzan: ten 172 dos 176 votos necesarios para ser o novo inquilino na Moncloa. Trala decisión do rei, que supón un cambio de súpeto da situación política, un día despois destas consultas Armengol convocou para os vindeiros 26 e 27 de setembro un novo debate de investidura no Congreso dos Deputados.
Isto desata todo tipo de cálculos e ecuacións políticas de cara a esta convocatoria de debate de investidura. Feijóo ampárase no seu dereito a tentar (de novo) a súa investidura por ser a lista máis votada contando con que, cos apoios de VOX, UPN e Coalición Canaria (CC), estaría a catro votos da investidura.
Pero o líder do PP sabe que ten 178 votos en contra, tal e como se veu no debate realizado o pasado 17 de agosto no Congreso. Sánchez cualifica así de “infrutuosas” as tentativas de investidura de Feijóo. Ttoda vez o socialista acelera os contactos con SUMAR, o PNV (que con 5 parlamentarios reafirma o seu ‘non’ a Feijóo e mais agora que VOX asegurou o apoio á investidura do líder do PP), EH Bildu, JuntsxCatalunya (JxC), ERC e BNG para asegurar un novo goberno de coalición. Por certo os partidos soberanistas avanzan nas súas negociacións para conformar un grupo parlamentario propio.
“A clave do novo goberno na Moncloa segue a estar nas negociacións de Sánchez con JxC e ERC”
Pero a clave do novo goberno na Moncloa segue a estar nas negociacións de Sánchez con JxC e ERC con Carles Puigdemont na recámara. Diálogos condicionados pola eventual celebración doutro procés soberanista en Cataluña así como das amnistías para os presos políticos.
Así, o actual momento ten dúas datas nas próximas semanas que medirán o termómetro político destas negociacións de investidura entre Sánchez, JxC e ERC: a Diada do 11 de setembro, celebración da Festa Nacional de Catalunya; e o 1 de outubro (1O), a data do referendo soberanista celebrado en 2017. Se ben JxC e ERC insisten en desvincular o debate da investidura dos acordos para a conformación da Mesa do Congreso alcanzado o pasado 17 de agosto, a decisión do rei de encargar novo goberno a Feijóo cambia radicalmente o escenario, xa que unha eventual abstención de JxC propiciaría a investidura do líder ‘popular’.
E aquí entran tamén en xogo os prazos estipulados na Constitución (artigo 99) para tentar acadar unha investidura ou ben volver a realizar outras eleccións xerais. Se no debate do 26 e 27 de setembro Feijóo non alcanza os acordos necesarios para a súa investidura, Sánchez ten dous meses para tentar asegurar a súa. Caso contrario, paso para o que estipula a Constitución: se nos dous meses posteriores ao debate de investidura (26-27 de setembro) non se chegan a acordos, o rei deberá disolver as Cortes e convocar a novas eleccións nos vindeiros 47 días, tendo como prazo máximo para a realización dos novos comicios xerais o domingo 14 de xaneiro de 2024. Sexa como sexa, a investidura do novo goberno segue a estar no aire.
Fotos propiedade de eldiario.es